O Concello apela de novo á Xunta para que derrube o cemiterio de coches de Marcón

Dende a administración local apuntan que esta instalación ocasiona malestar entre os veciños, ademais dun problema medioambiental
Vista del desguace en el lugar de Vilafranca, en Marcón. DAVID FREIRE
photo_camera Vista do cemiterio de coches no lugar de Vilafranca, en Marcón. DAVID FREIRE (ADP)

O Concello de Pontevedra quixo volver reclamar a atención arredor do cemiterio de cochesilegal situado en Marcón, Vilafranca. Este asunto ten os seus inicios no ano 2004, e aínda hoxe segue sen achar unha resolución final. Unha resolución que, din desde o Concello, "chegará no intre no que a Xunta realice a demolición que debe facer logo de ser paralizada a obra hai xa dezasete anos, sendo no 2006 a propia Xunta a que declara ilegal a obra e insta os promotores a restituír os terreos".

O lugar mantense na mesma situación logo de varios anos e reiteradas chamadas de atención por parte do Concello de Pontevedra, que insiste en lembrarlle á Xunta de Galicia que é preciso aplicar ou executar as sentenzas correspondentes e devolver os terreos ao estado anterior, tal e como xa fora solicitado en setembro do ano pasado.

Este mesmo ano, o Concello volve instar á Xunta a que derrube e manteña o control deste asunto e que tome as decisións pertinentes para derrubar as obras "feitas ilegalmente hai xa máis dunha década".

"Chegados xa ao 2021 parece tempo suficiente. Levamos xa máis dun ano lembrando a quen ten as competencias nesta materia que tome a decisión de executar a sentenza dun xeito definitivo e que proceda co derrubamento desta instalación que ocasiona un malestar evidente entre os veciños, ademais dun problema medioambiental pola acumulación de residuos que non deberían estar nese emprazamento", finalizou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías.

Comentarios