O Concello volve reclamar ao Sergas a reapertura do consultorio de Ponte Sampaio

O Administración sanitaria asegurou que a distribución de espazos do consultorio non cumpre os requisitos deste momento

Consultorio de Ponte Sampaio. ARQUIVO
photo_camera Consultorio de Ponte Sampaio. ARQUIVO

O Concello de Pontevedra insiste en reclamar ao Sergas a reapertura do consultorio médico de Ponte Sampaio, e advirte de que existe unha "crecente alarma" entre a poboación da parroquia, que agora ten que desprazarse para recibir atención primaria.

Despois de que a Administración sanitaria asegurase que está estudando o modo de prestar atención primaria a Ponte Sampaio e que distribución de espazos do consultorio "non cumpre os requisitos mínimos para desenvolver a actividade", o Concello subliña que o centro permaneceu aberto ata esta semana coa presenza dun profesional e que durante as primeiras semanas do estado de alarma estivo atendido por un médico.

Así as cousas, uns días despois de reclamar a apertura públicamente, recorda que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, se puxo en contacto co Sergas en dúas ocasións para abordar o tema ante os "prexuízos" que provoca na área, onde —salienta— viven moitas persoas de idade avanzada. Incide, ademais, en que o peche obriga a moverse nun momento no que "se deberían limitar ao máximo este tipo de desprazamentos".