Os 'concellos Ágora' da provincia fixan en 30 por hora a velocidade no casco urbano

A Deputación insta aos municipios adheridos a limitar a 10 qm/h a circulación xunto aos colexios
Sinal de limitación de velocidade a 30 qm/h no casco urbano de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Sinal de limitación de velocidade a 30 qm/h no casco urbano de Pontevedra. RAFA FARIÑA

Os Concellos Ágora da provincia pasarán a seguir os principios das Cidades 30 "de xeito inmediato". Así o manifestou o deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, que onte presidiu unha reunión de traballo para implementar o cambio de sinalización da velocidade dos núcleos urbanos das vilas da provincia a un máximo de 30 quilómetros por hora.

O encontro contou coa participación de 43 dos 49 municipios adheridos á Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público, entre eles os de Pontevedra, Vilagarcía, Poio, Vilaboa, Catoira, A Estrada, Silleda, Moraña, Bueu, Forcarei, Meis, Marín, Cambados, Sanxenxo, Caldas de Reis, A Illa, Moaña, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, O Grove, A Lama, Soutomaior, Ribadumia, Lalín, Portas, Vila de Cruces, Fornelos de Montes e Barro.

Sobre a mesa estaba a organización e a implementación das Cidades 30, é dicir, a limitación da velocidade a 30 qm/h en todas as rúas dos núcleos urbanos dos municipios, cuestión xa respaldada e obrigada a medio prazo polo novo Regulamento de Circulación da Dirección Xeral de Trafico. O deputado destacou que aínda que a nova lei entrará en vigor o 11 de maio "nós queremos ir por diante e cambiar de inmediato". 

Coa adhesión á Rede Ágora os concellos comprometéronse de facto a ir un paso máis alá: a que todas as plataformas únicas de convivencia de coches e peóns teñan unha velocidade de máximo 10 quilómetros por hora, dando cumprimento ao principio número 6 do Decálogo Ágora, referido aos espazos seguros. Insistiu en que este principio é "especialmente importante e sensible" nas contornas escolares, polo que instou aos concellos a modificar as ordenanzas de mobilidade e incluír esta velocidade de forma específica.

"A nova lei di 20 qm/h para zonas de convivencia, pero nós defendemos os 10 qm/h e aspiramos a que a futuro se recolla tamén así na normativa. Queremos que nas nosas vilas só teñamos 30 e 10 de velocidades máximas", destacou Benítez. Tamén subliñou que é moi importante que os concellos comecen a visualizar de inmediato que son espazos a 30 e nas plataformas únicas máximo a 10.

Máis espazos públicos no 2023
O encontro de onte foi o primeiro da Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público, unha iniciativa da Deputación que xa conta con 49 concellos adheridos e que ten como obxectivo implementar o espazo público para as persoas na provincia no horizonte de 2023. "Ademais de ter unha filosofía importante, con Ágora queremos resultados medibles e cuantificable, que en 2023 poidamos dicir que na provincia se aumentaron equis metros cadrados de superficie ou unha porcentaxe de espazo destinado ás persoas, e demostrar que o modelo de recuperación do espazo público é adaptable a calquera vila, cidade ou concello", dixo Uxío Benítez.

Neste sentido, o deputado lembrou que existe "un escenario interesante de inercias globais" que favorece a recuperación do espazo público. Citou a aposta da UE na loita contra o cambio climático, e subliñou que se darán axudas de financiamento para proxectos de recuperación de espazos para a mobilidade natural, polo que anunciou que a Deputación os asesorará para solicitar as subvencións.

Comentarios