Concerto de Aninovo coa música da Filharmónica e a danza do Ballet de Galicia

Estará dirixido por Roberto Baltar e contará coa voz da mezzosoprano Nuria Lorenzo
Imaxe do acto de presentación do concerto. DAVID FREIRE
photo_camera Imaxe do acto de presentación do concerto. DAVID FREIRE

A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra ensaia xa unha nova edición do seu tradicional Concerto de Aninovo, que celebra dende hai unha década no primeiro día do ano.

En 2022, ademais, incorporará a presenza do Ballet de Galicia, con proxección internacional, que interpretará algunha coreografía. Explicárono onte durante a presentación do evento a concelleira de Cultura, Carmen Fouces; o presidente da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, Carlos Cabaleiro, e o director do Ballet de Galicia, Diego Landín.

O concerto estará dirixido pola batuta de Roberto Baltar, que ten experiencia como director con orquestras de "media Europa", segundo Cabaleiro. Deste xeito, estivo á fronte de formacións en Polonia ou Finlandia.

Baltar formouse xunto ao prestixioso mestre e pedagogo Jorma Panula, na súa academia finlandesa, e ampliou os seus estudos no Royal Conservatoire Antwerpen baixo a tutela de Ivo Venkov. Por outra parte, o concerto contará tamén coa presenza da mezzosoprano viguesa Nuria Lorenzo.

"Ofreceremos obras como 'Carmen', de Bizet, e a segunda parte terá un estilo máis vienés con valses e polcas", apuntou o presidente da Filharmónica.

Pola súa parte, o director do Ballet de Galicia, que xurdiu en Marín, explicou en que consistirá a súa intervención. "Combinaremos a danza clásica como o 'Quebranoces' con danza contemporánea e estilos neoclásicos, amosando unha fusión de danza clásica e contemporáne", explicou Diego Landín, e engadiu que esta cita "é unha oportunidade marabillosa para pasar esa tarde coa familia".

1 de xaneiro, 19.30: as entradas xa están á venda en Ataquilla.es
Tal e como avanzou a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, as entradas para o concerto están xa dispoñibles na web Ataquilla.es entre 10 e 15 euros en función da situación do espectador e da ubicación da butaca.

O concerto terá lugar o propio 1 de xaneiro ás 19.30 horas e contará "con todas as medidas que garanten que se desenvolve con seguridade". A concelleira animou a asistir ao concerto para gozar da música de Nadal e agardou que "en 2023 poidamos celebralo con máis normalidade, a poser ser sen máscaras".

Comentarios