Conchi Vázquez: "A pobreza ten moitas caras"

A directora de Cáritas Interparroquial de Pontevedra di que a solidariedade engancha. E que as cifras non son tan importantes. "Cada caso conta". Tamén insiste en que se mencione ao seu equipo. "Sen eles non son nada".

A FERRERIA_ entrevista coa presidenta de Caritas Pontevedra_ Conchi Vazquez ___ PARA A uLTIMA DO LUNS
photo_camera Conchi Vázquez (Val, Agolada, 1959). DAVID FREIRE

Como entra en contacto con Cáritas e por que decide involucrarse na organización? 
En Cáritas entrei hai 13 anos. Invitoume o párroco de Monte Porreiro nun momento no que facía falta xente. Entrei cun pouco de temor ao principio, porque era un mundo descoñecido no que nunca me implicara. Sumeime ao equipo que xa existía e, pouquiño a pouco, fun aprendendo deles e de xente doutras organizacións que tamén traballa con persoas en situación de pobreza. Aprendín moito de todos eles como tamén aprendín moito das persoas que atendemos. Vas entendendo que hai que escoitar, promover confianza, discreción, confidencialidade, e como hai que acoller e respectar ao que chama na porta. Á parte dese traballo de atención e asistencia, tamén vimos hai tempo que eran moi necesarias a formación e a sensibilización, tanto dos voluntarios como da sociedade. Porque a pobreza ten moitas caras e é importante coñecer a as diferentes realidades. Así se empezaron a organizar tamén charlas e mesas redondas. 

Foron cambiando moito as necesidades das persoas que atenden? Ou basicamente son as mesmas? 
Hai moitas que non cambian pero, dun tempo para aquí, sobre todo a partir da covid, erguéronse máis muros e apareceron máis trabas. A primeira: conseguir unha cita. Sexa en Servizos Sociais, sexa no banco, no médico ou onde sexa. E despois, que esa cita sexa presencial. Nunha situación de emerxencia necesitas atención no momento. Eu sei que as institucións están desbordadas, si, pero as persoas que necesitan axuda estano moitísimo máis. A atención presencial diminuíu moitísimo en todos os ámbitos. Implantouse esa obriga do uso dos caixeiros ou da internet. Son usos que, se supoñen unha dificultade para min, pensa no que supoñen para as persoas maiores. E non son a elas. Estánselle esixindo ás persoas vulnerables uns coñecementos e unhas habilidades que non teñen por que ter. Póñeche un exemplo: o da solicitude do ingreso mínimo vital. Faise a través dunha aplicación. Esa aplicación cólgase e só che queda volver empezar. Isto dito por unha traballadora social, que chegou a estar un par de horas facendo o trámite dunha persoa antes de que se lle colgara e tivera que volver ao inicio. Sábese que máis do 50% das persoas que poderían ter solicitado este ingreso non o fixeron polas dificultades que atoparon. A atención dos Servizos Sociais é claramente insuficiente. Nin sequera existe un teléfono 24 horas ao que poder dirixirte cando precisas axuda urxente, como si o hai para outras circunstancias. 

As institucións están desbordadas, si, pero as persoas que están en situación de emerxencia estano moitísimo máis

Cales son os problemas máis importantes que diría que hai agora mesmo en Pontevedra para facer fronte á desigualdade? Teñen que ver coa pandemia?
Si, a pandemia agravou moitos problemas e creou outros novos como estes que che dicía. Emprego e vivenda son dos problemas máis importantes da actualidade. O acceso ao emprego é moi limitado, por tempos moi pequenos e moi concretos. Hai persoas que traballan por horas, moitas mulleres de familias monoparentais por exemplo, que se se contaxiaban ou convivían cun contaxiado se tiñan que illar e deixar de ter ingresos. Xa non falemos de persoas sen fogar, en infravivendas, a punto de ser desafiuzadas ou que viven na rúa e que pernoctan no albergue de Cáritas. Por outro lado, a vivenda non está sendo accesible. Hai familias que nos din que se lle piden varios meses por adiantado. Á parte do que se encareceron os alugueres. Falamos de 500 ou 600 euros ao mes. É inasumible para moita xente. Falta aluguer social. Moitísimas familias poderían vivir nunhas condicións dignas se existise un aluguer social asequible. 

O encarecemento da enerxía e os abusos bancarios poden derivar nun aumento da desigualdade? 
E a crise sanitaria. Por suposto que si. 

Fan os representantes políticos todo o deberían facer? Pecamos os cidadáns de indiferenza? 
Sempre se pode facer moitísimo máis. Nin os políticos nin nós debiamos conformarnos. Volvo ao tema da vivenda: todas as administracións poderían facer moito máis. Porque é un dos problemas máis graves aos que ten que facer fronte a poboación neste momento. Estamos entrando nun labirinto de falta de traballo e de falta de vivenda do que moitas persoas xa non van dar saído. Pola nosa parte, os cidadáns debiamos denunciar máis estas inxustizas cos bancos ou co prezo da luz, que nos afectan a todos, pero especialmente aos máis vulnerables. Non debiamos consentir estes abusos. 

En Pontevedra, tanto o albergue de Cáritas como o único comedor social que hai (o do Convento de San Francisco) están xestionados dende a Igrexa Católica. O outro albergue, o de Calor y Café, tamén o leva unha asociación católica, San Vicente de Paúl. Valórase suficientemente o seu traballo ou pesan máis os prexuízos? 
Eu penso que, en xeral, a xente sabe que é o que está a facer Cáritas e valórase positivamente. Aquí a porta está aberta para calquera persoa: da idade que sexa, da condición que sexa e do credo que sexa, con documentación ou sen ela. Dos prexuízos non nos libramos nin nós nin ninguén. 

É directora de Cáritas Interparroquial de Pontevedra dende 2019. 
Estou aí porque me animaron a estar. Pero somos un equipo, isto é o fundamental. Despois, que podo dicir, Cáritas engancha. A min fíxome máis sensible e máis xenerosa, máis preocupada polas inxustizas e polo sufrimento.

Comentarios