Conde destaca o papel das cooperativas para impulsar o emprego feminino

Galicia conta con máis de 1.422 cooperativas, nas que as mulleres supoñen catro de cada dez persoas socias
2019122817020357362
photo_camera O conselleiro de Economía participou onte no segundo encontro 'Mulleres Protagonistas'. RAFA FARIÑA

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou este venres as oportunidades que achega a economía social para impulsar o emprego e o emprendemento feminino en Galicia. Durante o encontro Mulleres Protagonistas que se celebrou en Pontevedra, o conselleiro sinalou que este tipo de xuntanzas ofrecen unha oportunidade para reflexionar sobre os desafíos que se presentan para mellorar a situación das mulleres no mundo laboral e empresarial e avanzar cara a igualdade profesional plena.

Mulleres Protagonistas é unha iniciativa que, de xeito periódico, reúne a mulleres de distintos sectores —neste caso do mundo do cooperativismo, fundamentalmente no sector agroalimentario e o cultural-— co obxectivo de establecer un diálogo aberto entre a Xunta e este colectivo para escoitar as súas propostas, explicar as medidas do Goberno galego e, deste xeito, realizar unha posta en común sobre os retos e dificultades que afrontan no seu día a día.

Galicia conta con 1.422 cooperativas, nas que as mulleres representan catro de cada dez persoas socias (o 40,4% do total) nun importante sector que emprega a case 25.000 profesionais.

O conselleiro agradeceu no encontro a participación de directivas que desenvolven a súa vida profesional nas cooperativas 7H Cooperativa Cultural (Santiago), Agroflor (Narón), Aira (Taboada), Almoga (Vilalba), Campo Capela (Pontedeume), Condes de Albarei (Cambados), Levinred (Ourense), Lutega (Betanzos), Milhulloa (Palas de Rei), Miraxe (Santiago de Compostela), Tres Fuciños (Carballedo), Urdime (Santiago) e Viña Moraima (Barro).

Conde incidiu en que "toda a sociedade se debe implicar no desenvolvemento integral da muller, para avanzar entre todas e todos cara a unha Galicia máis feminina, ofrecendo oportunidades para que as mulleres adquiran competencias representativas en postos directivos", e subliñou o importante papel que desenvolve a economía social neste ámbito.

Segundo sinalou o seu departamento, "Galicia está demostrando unha evolución favorable" pois "o paro feminino cae un 2,49% no último ano, coa cifra de desempregadas máis baixa dun mes de novembro rexistrada. Ademais, sete de cada dez asalariadas contan cun contrato indefinido e oito de cada dez, a tempo completo. A Comunidade conta con case medio millón de afiliadas á Seguridade Social, o 48,5%, é dicir, con máis mulleres cotizando que nunca", engadiu.

Segundo o informe GEM, máis do 57% da actividade emprendedora está liderada por mulleres, sendo Galicia a terceira comunidade con maior taxa de emprendemento feminino.

Comentarios