sábado. 28.11.2020 |
El tiempo
sábado. 28.11.2020
El tiempo

Baamonde Silva: "Coñecer as dificultades da xestión tamén é bo para a docencia"

Baamonde, no seu despacho, en outubro de 2019. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Baamonde, no seu despacho, en outubro de 2019. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

As obrigas familiares están detrás da renuncia do decano de Ciencias Sociais en funcións e o seu equipo, que deixan o curso encarrilado tras a adaptación á nova normalidade postcovid

A necesidade de dedicar máis tempo á familia está detrás dunha renuncia decidida desde febreiro e que a pandemia obrigou a adiar ata agora. Xosé Baamonde e o seu equipo anunciaron que abandonan o decanato da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra tres anos despois de ser reelixidos con case o 90% por cento dos votos (44 a favor e cinco en contra) e o proceso electoral xa está en marcha. Os comicios celebraranse o vindeiro 4 de novembro.

O pasado martes informou á Reitoría da renuncia do equipo decanal que lidera desde 2018. Cales foron os motivos?
Eu xa tiña a idea de deixar do Decanato desde o inicio do curso anterior, porque quería dedicar máis tempo á familia. Falei co equipo decanal e acordamos rematar o curso 2019-20, pero como chegou a covid tampouco nos parecía axeitado deixar este curso sen empezar, así que esperamos a que se normalizara a situación. Agora, co curso en marcha e máis ou menos adaptados a un novo escenario facemos efectiva unha decisión tomada hai tempo.

Aínda faltaba un ano para rematar o mandato.
Si, é certo, pero por circunstancias persoais decidín non rematalo.

O resto do seu equipo entendeu ben estas circunstancias?
Si, acordamos seguir ata final de curso. Algún está disposto a seguir, outros queren deixalo... No tema da xestión vas e vés, todos deberiamos pasar por iso. Tomamos as cousas de común acordo e convencéronme de seguir ata fin de curso. A pandemia trastocou os plans e en vez de deixalo en xuño esperamos ata agora. É o momento axeitado para que un novo equipo decanal empece de cara ao próximo ano.

Na Reitoría tamén o entenderon?
Si. Primeiro falei co vicerreitor do campus de Pontevedra e logo co reitor. Non debería trastocar os plans da facultade. Xa levo cinco anos e é un periodo suficiente dedicado á xestión e agora teño outras obrigas persoais e familiares que compaxinar coa docencia e a investigación. Xa volverei nun futuro, se é necesario. É bo que haxa rotación e a xente teña experiencia en xestión, que tamén forma parte da carreira académica. Somos investigadores, docentes e tamén xestores e coñecer as dificultades da xestión tamén é bo para a docencia.

Que balance fai deste lustro? Que proxectos saíron adiante?
Como en todo proceso de xestión habería acertos e erros. A nivel persoal foi moi enriquecedor. En canto a logros cabería destacar a incorporación dun novo título, o mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, e a renovación do plan de estudos de dous graos: Comunicación Audiovisual e Dirección e Xestión Pública, coa incorporación da modalidade virtual. Neste grao tamén fixemos un plan de internacionalización para facelo máis atractivo. Era o que tiña máis problema de matrícula e a día de hoxe practicamente se cubre toda. Tamén destacaría a celebración dos 25 anos da facultade, que permitiu reencontrarnos cos egresados, que viñeron dar charlas e explicar como estaba o mercado aos actuais estudantes. Tamén procuramos visibilizar a necesidade de que a xestión da comunicación estea en mans de profesionais formados na nosa facultade. A nivel de infraestruturas fóronse incorporando novos espazos docentes. Este mesmo ano tivemos un novo laboratorio de fotografía e, no último ano, destaca o proceso de adaptación ás novas circunstancias pola covid, sobre todo a adaptación de espazos para a docencia e redución de aforos.

Que lle queda por facer ao equipo que suceda ao seu?
Pois a renovación de Comunicación Audiovisual precisa estar acompañada dun investimento forte en novos equipos. Renóvase o plan con novas materias orientadas á comunicación dixital e á elaboración de contidos audiovisuais e dixitais, pero os equipos dos que dispón a facultade empezan a estar obsoletos. Un dos retos do novo equipo decanal será modernizalos. Así mesmo, deberá consolidar Dirección e Xestión Pública e a súa solicitude de emprender un novo camiño. Será un dos retos que teña que afrontar.

DXP solicitara constituírse como facultade propia. En que punto se atopa este proceso?
Penso que no claustro deste venres -por mañá- se vai iniciar ese proceso, despois de pasar pola Xunta de Facultade. Despois haberá que ver cal é a opinión da Xunta e como se xestiona para que os títulos que ofertamos sexan o máis atractivos posibles.

datas

Quixeron esperar a que o curso botara andar dentro desta nova normalidade. Como está funcionando agora a facultade?
Razonablemente ben. Creo que a todos nos custa un pouco adaptarnos á nova situación. Non estabamos suficientemente preparados para teletraballar, para impartir clases cun compoñente virtual máis importante... Pero fomos adaptándonos dunha forma digna e cada día imos facéndoo un pouco mellor. Hai que adaptarse ás novas metodoloxías docentes. É un proceso de cambio. Non é a situación de marzo ou abril, agora está todo máis planificado. Aínda que non estamos ao cen por cen da potencialidade do sistema, as clases estanse a desenvolver axeitadamente. En Dirección e Xestión Pública coa máxima presencialidade, agás na modalidade virtual, e en Publicidade e CAV con presencialidade rotatoria a través das Aulas Integra.

O proceso electoral xa está en marcha. Seguen en funcións?
Si, agora estamos en funcións ata que se celebren as eleccións. Está aberto o prazo para presentar candidaturas e animo a todos os membros da Xunta de Facultade a formar parte dalgunha, porque eu creo que a xestión é un traballo de todos. A educación pública é un valor fundamental para a cidadanía e temos que colaborar e ir rotando os cargos para responder ás expectativas do estudantado.

Baamonde Silva: "Coñecer as dificultades da xestión tamén é bo para...
Comentarios