Conferencias, obradoiros, cinema e pasarrúas en Pontevedra polo Día dos Maiores

O Concello organiza unhas xornadas interactivas que darán comezo este sábado 24 de setembro e terán o seu colofón o 1 de outubro
Presentación das Xornadas de Interaccion Social das Persoas Maiores. ANXO LORENZO
photo_camera Presentación das xornadas. ANXO LORENZO

A Concellería de Benestar Social impulsa unhas xornadas interactivas co gallo do Día Internacional das Persoas Maiores que incluirán conferencias, obradoiros e cinema vencellados á senectude, pasarrúas de cantareiros e cantareiros e, como colofón do 1 de outubro, a lectura dun manifesto reivindicativo na Praza da Verdura. Un calendario de actividades de balde que, baixo o lema Engancha, foi deseñado grazas a un equipo de traballo no que se implicaron a Universidade de Vigo (a través so seu Programa Universitario de Maiores), a Uned (dentro do seu programa Uned Sénior) e o Espazo + 60 de Afundación.

A iniciativa está especialmente destinada á poboación maior de Pontevedra, ao alumnado dos programas universitarios de maiores da UVigo e a Uned e ás propias entidades sociais, que poderán tramitar as súas preinscricións nos formulares online dispoñibles no enlace https://apuntate.pontevedra.gal/ (as actividades son de acceso libre ata completar aforo, con preferencia para as persoas anotadas, e será posible apuntarse por separado en cada evento).

O programa, que dará comezo este sábado 24 de setembro ás 18.00 horas coa proxección do filme Arrugas e un debate posterior no Salón de Actos da Residencia de Maiores de Campolongo, foi presentado este martes pola mañá no Concello nun acto no que participaron os concelleiros socialistas Marcos Rey e Iván Puentes; o coordinador de Extensión Universitaria e do programa Uned Sénior do centro asociado de Pontevedra, Rafael Cotelo; o presidente de Afapo, José Manuel Fontenla; o director da Residencia de Campolongo, Juanjo López; a coordinadora do Programa para Maiores do Campus de Pontevedra da UVigo, Ana Acuña; o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Celestino Lores, e mailo director artístico da Asociación Cultural Mais Cantos, Nelson Quinteiro.

Presentación das Xornadas de Interaccion Social das Persoas Maiores. ANXO LORENZO
Presentación das Xornadas de Interaccion Social das Persoas Maiores. ANXO LORENZO

A axenda de actividades continuará o luns 26 de setembro no Salón Actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde, entre as 17.00 e as 19.30 horas, terá lugar a conferencia O Campus camiña cos maiores e convidarase aos participantes a coñecer o Programa de Maiores da UVigo e o funcionamento do Banco de Alimentos, así como a achegarse ao Arboreto do Campus.

O escenario das Xornadas Interactivas trasladarase o mércores 28 de setembro ao Salón de Actos da Uned (Monte Porreiro), cunha programación que se desenvolverá entre as 17.00 e as 20.00 horas e que permitirá coñecer a Uned Sénior, que é un hospitaleiro e en que consiste o labor que realizan o Albergue de Peregrinos e a Asociación de Amigos do Camiño Portugués. Ademais, celebraranse unha conferencia sobre Envellecemento Activo e unha exhibición de baile, e ofrecerase un pequeno ágape.

O venres 30 de setembro, de 10.30 a 13.00 horas, as Xornadas proseguirán na Sala Laxeiro de Afundación, dando a oportunidade de coñecer o Espazo + 60, o traballo que desenvolve Afapo e como previr o Alzhéimer, incluíndose tamén o obradoiro Xoga e entrena o teu cerebro. En cada evento haberá un Panel Interactivo para volcar opinións, propostas, desexos e suxestións que serán contempladas no Manifesto das Persoas Maiores de Pontevedra.

Un manifesto que servirá como colofón desta intensa semana de actividades e que será lido na Praza da Verdura o sábado 1 de outubro, Día Internacional das Persoas Maiores, nunha xornada de celebracións que terá lugar entre as 11.00 e as 13.00 horas e na que Mais Cantos e Nelson Quinteiro protagonizarán un pasarrúas pola cidade con 40 cantareiros e cantareiras, que partirá da Praza de Ourense, discorrerá pola Peregrina, Curros Enríquez, o contorno do Mercado de Abastos e rematará na Verdura.

Segundo apuntou o edil Iván Puentes, "estas I Xornadas Interactivas pretenden converterse nun punto de encontro para as persoas maiores da nosa cidade, presentando nesta ocasión os programas que o mundo universitario ten a disposición desta poboación e o labor de entidades sociais que centran o seu traballo nos nosos maiores". "Na miña dobre vertente de concelleiro e de membro da comunidade universitaria -afirmou o socialista-, faime unha especial ledicia que se poidan organizar eventos deste tipo, que pechan o círculo e que suman enerxías entre os diferentes económicos e culturais que ten a cidade, entre distintas administracións, como o Goberno galego e o Concello de Pontevedra, e entre diversas concellerías. No caso da UVigo e da Uned, que sexan capaces de facer algo co que moitos soñamos tódolos días, que é que, ademais de formar universitarios e xerar coñecemento na cidade, ese coñecemento poida redundar en beneficio dos pontevedreses e pontevedresas e este é un exemplo de como pode chegar ás persoas maiores".

Ao seu xeito de entender, "dentro da evolución do modelo de cidade que Pontevedra debe experimentar nos vindeiros anos, as persoas maiores e as súas necesidades, en mobilidade, en medio ambiente e atención social, teñen que estar no epicentro de tódalas políticas e de todo o deseño de cidade que fagamos de aquí ao futuro".

A primeira grande iniciativa impulsada no marco do programa Proponte

Marcos Rey calificou a presentación destas Xornadas Interactivas Engancha como "un día moi especial, xa que estamos ante a primeira grande iniciativa que realizamos dentro do programa Proponte". "Nun principio, tiñamos pensado unicamente organizar unha xornada coincidindo co Día Internacional das Persoas Maiores, pero, a raíz de manter unha reunión con tódalas entidades que, dunha ou outra maneira, colaboran cos nosos maiores, o que ía ser un día converteuse nunha semana", indicou o concelleiro de Benestar Social.

A coordinadora do Programa para Maiores do Campus de Pontevedra da UVigo incidiu na importancia do traballo en rede e do labor de coordinación efectuado desde o Concello, xa que, "tanto para a Universidade como para outras institucións anfitrioas que organizamos actos nas nosas sedes, é un pracer coñecer a outras entidades e asociacións", mentres que o presidente de Afapo incidiu en que "debido a esta situación de benestar da nosa sociedade, empézase a falar xa non da terceira idade, senón da cuarta, o que significa que, despois da actividade profesional, dispoñemos de 20 ou 30 anos de vida activa e con estas Xornadas queremos explicarlle á xente como pode ter unha boa calidade de vida durante eses anos para poder evitar calquera tipo de deterioro".

O director da Residencia de Maiores de Campolongo amosouse "encantado de colaborar e de facer cada vez máis presente á Residencia en Pontevedra" e subliñou a necesidade de "comezar a construír a cidade e a sociedade que seremos, non a que fomos, que esa xa a temos clara e nos gusta moito, onde a terceira idade sexa o eixo fundamental sobre o que terá que pivotar todo". Pola súa banda, Nelson Quinteiro calificou como "un agasallo poder pechar estas Xornadas, poñendo festa, que tamén é algo importante". "Se por algo se caracteriza Mais Cantos -asegurou- é polo seu carácter desenfadado, festivo, que vai máis aló do cultural e que ten que ver con esa dinamización das persoas maiores e con eses vencellamentos comunitarios. Imos facer algo bonito e animamos a todo o mundo a vir connosco".

Na mesma dirección, Rafael Cotelo dixo estar "encantado da vida de participar nestas actividades, aliñadas coa Axenda 2030, co obxectivo 17 (alianzas e colaboracións para a consecución de obxectivos), dando a coñecer o que facemos, como o facemos e para quen o facemos", agardando que o mércores 28 "poidamos poñer en valor o que facemos na Uned e darnos a coñecer". Tino Lores apuntou que "os Amigos do Camiño Portugués a Santiago estamos encantados de poder participar e amosar ese día 28 na Uned a nosa actividade", ao tempo que agradeceu á coordinadora das Xornadas, Ana González, e aos concelleiros Marcos Rey e Iván Puentes o traballo que fixo posible organizar actos a prol dos maiores.