"O confinamento deu máis liberdade aos animais, pero sen cambios na súa distribución"

Alfredo López é doutor en Bioloxía Mariña e voceiro da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños de Galicia (CEMMA), que retoma a súa actividade despois da pandemia
Alfredo López realizando un rescate. CEDIDA
photo_camera Alfredo López realizando un rescate. CEDIDA

Alfredo López Fernández (Castrelo, Vigo, 1964) é doutor en Bioloxía mariña pola USC e a cara máis visible da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños de Galicia (CEMMA) dende a súa creación en 1990. Xunto co resto dos membros da agrupación e o voluntariado adherido loita, cada ano, pola saúde do ecosistema mariño. A súa tarefa é imprescindible, pois é o encargado de concienciar á sociedade da importancia do traballo da ONG no coidado e mantemento da vida da fauna submariña. Sempre que se produce o vareamento dalgunha especie nas costas galega, Alfredo se prepara para actuar e, a pé de praia, realiza as actividades de identificación e recuperación do animal arrastrado.

Cantos animais vararon nas costas galegas no que vai de ano?

Dende o mes de xaneiro CEMMA contabilizou ao redor dunhas 200 especies varadas, o que é, sen dúbidas, un número bastante elevado.

Estas cifras supoñen un aumento con respecto a anos anteriores?

Son cifras máis ou menos semellantes con respecto ás rexistradas o ano pasado; sen embargo, e a pesar da variabilidade duns anos a outros, a tendencia sempre vai en aumento.

Baralla algunha hipótese que explique o porqué?

Realmente, a maior parte dos animais que aparecen varados no mar morren a causa das actividades humanas, sobre todo, da pesca. Por outra banda, tamén atopamos especies que morren por enfermidade e estamos tratando de averiguar se estas doenzas son consecuencia da contaminación, que sería, a súa vez, incidencia indirecta das accións humanas. Precisamente, a redución da actividade humana durante os meses de confinamiento contribuíu dalgunha maneira á redución no número de varamentos? Si, durante os meses de encerro constatouse un descenso do número de animais varados, porque a xente deixou de ir ás praias. Sen embargo, o noso traballo baséase nos avisos que os usuarios do litoral fan a CEMMA e ao non poder saír da casa as únicas alertas que recibiamos eran a través das fiestras. No proceso de desescalada comenzaron a repuntar as chamadas e, polo tanto, comezamos a atopar animais nas costas xa en avanzado proceso de descomposición. A pesca, aínda que se reduciu en intensidade, non se eliminou e, se hai pesca, segue habendo capturas accidentais.

"Dende xaneiro CEMMA contabilizou ao redor dunhas 200 exemplares varados"

Aproximadamente, cantos destes animais chegan con vida ás costas galegas?

Soamente un 10% das especies varadas sobreviven. Os lobos e as tartarugas mariñas poden ser recuperadas nun 70%, pero no caso dos cetáceos a maior parte deles perden a vida.

Con que equipos e instalacións conta a CEMMA para a recuperación da fauna?

Os equipos son moi limitados. Temos dúas unidades móbiles para a atención dos animais na costa e unha unidade de coidados intensivos para o ingreso de pequenos lobos e tartarugas mariñas. No caso dos cetáceos non existen instalacións en Galicia para atender a estes animais. Un golfiño, aínda que sexa pequeno, pode chegar a pesar uns 100 quilos, o que obriga a contar con medios de transporte específicos e de grandes piscinas para o seu coidado. Certamente, temos unha carencia importante de medios para poder atendelos.

Como afectou ao traballo de CEMMA a instauración do estado de alarma?

Todo foi máis difícil. Seguimos atendendo os varamentos, pero coas praias totalmente desertas. Conseguimos solventar os problemas contactando coas autoridades e solicitando paso para que nos permitiran chegar ata às praias. A verdade é que foi unha tarefa bastante complexa, pero, finalmente, puidemos cubrir o 100 por 100 de tódolos casos que apareceron.

O confinamento fixo que moitas especies terrestres recuperaran o espazo que os seres humanos lles roubaran. Ocorreu o mesmo no mar?

No mar non se apreciou nada diferente. É verdade que houbo bastantes noticias sobre, por exemplo, os arroaces que chegaron nadando ao río Lérez. O que de verdade pasou é que a xente, que estaba aburrida nas casas, mirou máis polas fiestra e apreciou cousas que acontencían, pero que pasaban totalmente desapercibidas. O único realmente salientable é que, no caso dos cetáceos, posiblemente viviran máis tranquilos nos meses de ausencia humana, pero non apreciamos cambios sensibles na súa habitual distribución.

"Só un 10% da fauna mariña sobrevive ao chegar á costa. Os cetáceos, as especies máis fraxiles"

Cales son os cetáceos máis habituais en Galicia?

O máis frecuente é o golfiño común, a pesares de non ser o máis coñecido porque vive en augas de 100 a 200 metros de profundidade e iso só pode darse fóra das rías, é dicir, ao sobrepasar as Illas Cíes. O máis coñecido, pola contra, é o arroaz.

En que situación se atopan estes animais?

Viven nunha situación relativamente delicada. Cada especie está nunha posición diferente. A toniña está en perigo de extinción, cunha poboación moi minguada, mentres que o golfiño común atópase nunha mellor porque a súa poboación e máis abundante, pero a súa taxa de mortalidade é moi grande, de varios centos ao ano. Os arroaces manteñen o equilibrio, é dicir, os mesmos que nacen nun ano son os mesmos que morren, pero esta disposición é un pouco falsa, porque calquera actividade humana como a pesca ou a incidencia da contaminación inflúe moi negativamente nestas especies.

"Virada trata de monitorizar ás poboacións de fauna marítima dende expedicións aéreas"

En qué consiste o novo proxecto ‘Virada’ que puxeron en marcha no mes de xullo?

O proxecto Virada componse de varias actividades. Unha delas transcorre a bordo de barcos pesqueiros, para recoller información do mar e do impacto da actividade dos pescadores. Por outro lado, consiste nun proxecto de seguemento das poboacións marítimas que, antes do estalido da pandemia, ía ser marítimo, pero, finalmente, houbo que convertelo nun proxecto de vixianza aérea.

Xa se reactivaron as campañas de embarcación para a monitorización de cetáceos?

Si, comezamos con dous embarques participativos, aos que pode apuntarse calquera voluntario, e esperamos realizar algúns máis nas vindeiras semanas. Estas campañas son as máis importantes das nosas actividades, por elas podemos saír ao mar.

Comentarios