jueves. 28.01.2021 |
El tiempo
jueves. 28.01.2021
El tiempo

Un congreso internacional sobre moda reunirá a máis de 70 expertos na Boa Vila

Jorge Soto e Lola Dopico na presentación do luns. GONZALO GARCÍA
Jorge Soto e Lola Dopico na presentación do luns. GONZALO GARCÍA
A Fashion and Design Conference, organizado pola Esdemga e o grupo DX7 celebrarase no Sexto Edificio o 19 e 20 de marzo e achegará distintas visións, desde a historia á socioloxía

Máis de 70 especialistas de distintos países que teñen na moda o seu obxecto de estudo a través de distintas miradas, participarán na primeira edición da Fashion and Design Conference (FADC), un congreso internacional organizado por Esdemga e o grupo de investigación DX7 Tracker. Laboratorio Visual da Universidade de Vigo, que se celebrará os días 19 e 20 de marzo no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

"Como obxecto de estudo, a moda é un territorio fundamentalmente interdisciplinar", salientou Lola Dopico, directora de Esdemga e responsable do comité organizador na presentación do luns xunto ao vicerreitor do campus, Jorge Soto. O congreso nace coa intención de converterse unha cita bienal e quizais itinerante, que acolla a investigadores "que están a producir reflexión teórica no ámbito da moda".

Historia, teoría do deseño, socioloxía, antropoloxía, sostibilidade, economía ou semiótica son algunhas das disciplinas que se terán en conta neste congreso. "Máis aló da moda como fenómeno ou como industria, están as súas implicacións de carácter interdisciplinar, a moda é un sistema que afecta a todo", engadiu Dopico, mentres que Soto subliñou o traballo da Esdemga.

Nos últimos meses, a FADC recibiu máis de 70 candidaturas para formar parte das mesas de presentación de investigacións, das que foron seleccionadas preto de 50, chegadas tanto desde diferentes puntos de España como do estranxeiro: Estados Unidos, Brasil, Portugal ou Ucraína. Tamén de Italia, aínda que en principio a crise do coronavirus impedirá a visita de catro relatores deste país.

A estas ponencias sumaranse as reflexións dos conferenciantes convidados, entre os que se atopa a directora executiva da Asociación de Creadores de Moda de España (ACME), Pepa Bueno, cunha ampla traxectoria previa en publicacións como Vogue, Elle ou Woman, cuxa participación permitirá vencellar a reflexión teórica coas "necesidades da industria", como salientou Dopico. Tamén estará Arantza Vilas, responsable de Pinaki Studios, empresa con sede en Londres e "centrada nunha creación téxtil que combina os procesos tradicionais coas novas tecnoloxías", que nos últimos anos traballou no deseño de vestiario para producións audiovisuais como Xogo de Tronos.

BALENCIAGA. O congreso contará tamén coa participación do catedrático da Teoría da Literatura da Universidade da Coruña Chema Paz Gago, "que foi presidente da Asociación Española de Semiótica e ten publicado moito sobre a relación entre a literatura e a moda"; da profesora da Universidade Lusiáda do Porto e "especialista no ámbito do negocio da moda" Isabel Cantista, e do profesor de Estética de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego, "unha das persoas máis interesantes no referido á reflexión sobre a escritura, o cinema e a corporalidade". Completarán o panel de expertos Fátima Díaz, especialista en moda e historia antiga da USC, ou o conservador xefe do Museo Balenciaga.

En España, apuntou, "existe un déficit de produción científica", de aí que a FACD nacese grazas á implicación das alumnas de doutoramento Ana Pérez Valdés e Irene Márquez.

Un congreso internacional sobre moda reunirá a máis de 70 expertos...
Comentarios