O Museo espera ter os estudos preliminares de Santa Clara en tres meses

Ditos estudos corren a cargo dun equipo interdisciplinar de 20 persoas ► O Consello Asesor califica ao convento como "xoia" 
Membros do Consello Asesor, xunto a Mosquera, este mércores, na visita ao Convento de Santa Clara. GONZALO GARCÍA
photo_camera Membros do Consello Asesor, xunto a Mosquera, este mércores, na visita ao Convento de Santa Clara. GONZALO GARCÍA

Como "xoia" ou "regalo" cualificaron onte os membros do Consello Asesor do Museo de Pontevedra ao Convento de Santa Clara, espazo que mercou recentemente o Concello e que se agarda incorporar á institución museística nun futuro.

A arquitecta Teresa Táboas, o crítico de arte Ramón Rozas e a directora da Escola de Deseño e Moda (Esdemga), Lola Dopico, participaron nun percorrido de arredor de tres horas no que estiveron acompañados polo vicepresidente da Deputación, César Mosquera; polo concelleiro de Patrimonio, Xaquín Moreda, e pola directora de xestión económica do Museo, Sonia Mateos, entre outros.

Lola Dopico, director de Esdemga: "Recuperar este espazo conecta unha historia de séculos co presente e co futuro. É un gran regalo"

Tamén participou na visita o director do Museo, Xosé Manuel Rey, que aproveitou para informar de que se segue afondando no coñecemento do espazo. "Este é un momento de análise e reflexión para intenta definir o que se pode facer nestas instalacións", dixo.

"Na semana que vén vaise comezar co estudo de avaliación arqueolóxica, co estudo histórico-artístico e co estudo de lectura estratigráfica das paredes que permitirá identificar as fases construtivas, xa que o edificio ten engadidos que é preciso ir descubrindo. Aquí traballará un equipo interdisciplinar moi amplo, de non menos de 20 persoas. A idea é que este estudo nos permita saber o que foi Santa Clara e que o pode ser nun futuro". Segundo Rey, o obxectivo é que estes estudos preliminares rematen en tres meses.

Para a arquitecta Teresa Táboas, a incorporación de Santa Clara ao patrimonio público da cidade encaixa perfectamente no modelo urbano de Pontevedra. "Isto é unha xoia para a cidade. Dígoo xa non só como arquitecta senón tamén como cidadá. É un luxo que o Concello e a Deputación fagan deste espazo un lugar aberto á cidadanía".

Iso si, Táboas recoñeceu que a transformación de Santa Clara supón un reto. "O reto é facer un edificio que dea respostas ás necesidades do século XXI e de todo o tempo que vén por diante, á vez que dá resposta tamén ás necesidades da cidade de Pontevedra".

Teresa Táboas, arquitecta: "Aquí hai un reto importante: face un edificio que dea respostas ás necesidades do século XXI!

Para a arquitecta, a rehabilitación de Santa Clara encaixa nas novas fórmulas urbanísticas que apostan por reformar e recuperar antes que por construír. "Traballar na famosa clave de "re": recuperar e rehabilitar. Vivimos nunha zona onde xa hai moito construído como é Europa e temos que enfrontar problemas moi importantes como o do cambio climático, polo tanto, hai que enfrontar o futuro tendo en conta estas cuestións. Esta operación vai nesa liña de retomar aquilo que nos legou o pasado para deixalo nas mans da xente do futuro".

Abraio. Outro membro do Consello Asesor como é o crítico de arte Ramón Rozas referiuse ao impacto que tivera para el entrar por primeira vez no convento. "A miña primeira impresión é dun abraio total, tanto polo que hai como polo que pode haber nun futuro. Percorrer este espazo que estivo pechado durante sete séculos transmite unha atmosfera moi especial e moi singular", dixo ao tempo que destacou as posibilidades que lle ofrecía ao Museo a incorporación do convento.

"Hai que pensar no que se pode chegar a facer nun espazo coma este, o que pode significar para o Museo en canto a amosar fondos que agora mesmo non teñen posibilidade de ser expostos ao público. Os próximos meses e anos vannos marcar un novo camiño tanto para a cidade como para o propio Museo".

Ramón Rozas, crítico de arte: "os vindeiros meses marcarán un novo camiño tanto para a cidade como para o Museo"

Finalmente, tamén comentou as súas impresións a directora de Esdemga, Lola Dopico. "Á parte do que vai supoñer engadir este espazo á cidade e ao Museo, creo que vai supoñer moitas outras cousas a nivel de dinamización social e de relación dos cidadáns co propio espazo. Debe ser un espazo de exhibición, pero tamén de formación e de memoria da cidade»", comentou a mestra da Universidade de Vigo.

"Conéctase a historia de séculos co presente e co futuro da cidade. E conectános tamén co momento que vive a cidade e con esa idea de recuperar espazos, de non desbotalos. É un gran regalo, un regalo enorme".

Comentarios