O Consello da Muller Nova estuda organizar un congreso sobre igualdade para os centros educativos

O evento iría dirixido aos centros educativos co obxectivo de incidir na sensibilización sobre esta materia e sobre a diversidade sexual
Reunión do Consello da Muller Nova celebrada este xoves. GONZALO GARCÍA
photo_camera Reunión do Consello da Muller Nova celebrada este xoves. GONZALO GARCÍA

Os resultados da enquisa sobre diversidade sexual e de xénero efectuada pola Concellería de Igualdade nos centros de Ensino Secundario e de FP da cidade e na que, entre outras cuestións, o 24% do alumnado recoñeceu ter sufrido agresións físicas ou verbais por non encaixar na heteronormatividade, pon de manifesto a necesidade de incidir moito máis na educación, información e sensibilización en materia LGTBIQ+ e de igualdade. Así o sinalaron todas e todos os participantes no Consello da Muller Nova que se celebrou este xoves do Concello de Pontevedra.

O departamento que dirixe a edil socialista Paloma Castro incidiu na preocupación da comunidade educativa ante esta realidade.

Por este mesmo motivo, o Consello tamén aproveitou a reunión para poñer sobre a mesa a posibilidade de organizar un congreso en materia de igualdade a principios do vindeiro curso, cunha parte de formación e sensibilización que se celebraría en horario de mañá, e outra máis lúdica, con concertos, polas tardes. Neste congreso tamén se abordaría a cuestión da diversidade sexual.

Asemade, avanzouse na organización dos actos conmemorativos do 8M, Día Internacional da Muller, no que este ano se fomentará especialmente a participación dos institutos pontevedreses. Segundo explicou a concelleira de Igualdade, "constituíuse unha vía de colaboración cos alumnos dos consellos dos centros educativos a través da creación dun grupo de whatsapp e dunha páxina de Instagram na que cada instituto poderá subir os seus contidos e visibilizar as cousas que se fan nos outros, de xeito que mellore a coordinación".

Comentarios