O Consello da UVigo impulsa as novas facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública

O Consello tamén aprobou a constitución dunha comisión académica na Facultade de Relacións Internacionais
Un momento da sesión do Consello da UVigo, este luns. DP
photo_camera Un momento da sesión do Consello da UVigo, este luns. DP

O Consello da Universidade de Vigo aprobou onte a modificación dos títulos adscritos as novas facultades de Deseño e de Dirección a Xestión Pública. "Unha vez aprobada a creación das facultades era necesario modificar as memorias dos títulos adscritos para cambiar as facultades nas que se impartirán e que estean vinculadas a elas", explicou o vicerreitor de Profesorado.

O Consello tamén aprobou a constitución dunha comisión académica na Facultade de Relacións Internacionais, xunto co nomeamento dun ou dunha vicedecana comisaria. A comisión académica, que se encarga da xestión ordinaria do funcionamento do título, é elixida pola xunta do centro, "e neste caso particular, a COAP aprobou a creación da xunta de centro cos membros que actualmente a poden constituír e que logo sexa esta xunta a que considere, ou non, a creación de dita comisión", explica Alfonso Lago, vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións.

Nesta última sesión do Consello tamén se abordou o cambio de denominación da Facultade de Ciencias Sociais e da comunicación, que muda o seu nome polo de Facultade de Comunicación. O Claustro dera o seu visto bo ao informe sobre este cambio que se xustifica pola "evolución histórica e a realidade actual" do centro, no que só se imparten titulacións relacionadas co eido da comunicación: os graos en Publicidade e relacións públicas e Comunicación audiovisual, os mestrados en Dirección de arte en publicidade e en Comunicación en medios sociais e Creación de contidos dixitais e doutoramento en Comunicación, que se leva a cabo xunto coa Facultade de Filoloxía e tradución.

Doutra banda, o Instituto universitario de física e ciencias aeroespaciais da UVigo segue a dar pasos cara a súa creación. Despois que, a principios destes mes, o Claustro dese luz verde a súa posta en marcha, onte foi o Consello de Goberno o que aprobou por asentimento a súa creación, que será remitida á Xunta de Galicia, na procura do visto e prace do Consello Galego de Universidades.

O reitor, Manuel Reigosa, que inciou a sesión manifestando o seu pesar polo pasamento do profesor e investigador Antonio Rifón Sánchez, lembrou que a posta en marcha deste tipo de agrupamentos responde a unha política nova que a este instituto, "que foi a primeira proposta que recibimos, seguiranlle outros".

"O instituto tivo avaliacións moi favorables e créase cando a ciencia do espazo está nun momento moi relevante e en auxe, no que as principais tendencias en innovación espacial e as posibilidades de colaboración público-privada téñense incrementando moito en España e consideramos que pode converter á UVigo nun líder neste sector, xunto coa titulación de Enxeñaría aeroespacial no campus de Ourense", explica Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación.