Constitúese o xurado que valorará os anteproxectos para restaurar Santa Clara

A vindeira reunión será o 5 de xuño e, a partir de aí, manterá os encontros precisos para avaliar os traballos dos cinco equipos de arquitectura finalistas e seleccionar o deseño gañador
Membros do xurado presentes no primeiro encontro celebrado no Pazo Provincial. GONZALO GARCÍA
photo_camera Membros do xurado presentes no primeiro encontro celebrado no Pazo Provincial. GONZALO GARCÍA

Os plans para rehabilitar o convento de Santa Clara e convertelo na sétima sede do Museo de Pontevedra seguen avanzando a pesar das eleccións municipais. Este luns constituíuse o xurado que avaliará os anteproxectos finalistas e elixirá o deseño gañador.

Actuou como presidente do mesmo o director do Museo, Xosé Manuel Rey, e como vogais a súa xefa de xestión, Sonia Mateos; o secretario da Deputación, Carlos Cuadrado; a xefa do servizo provincial de Arquitectura, María del Carmen Gómez, e unha arquitecta deste departamento, Sara Piñón.

Por designación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta participou Belén Suárez -xefa do servizo de Arquitectura na delegación en Pontevedra-, polo Concello de Pontevedra está Rosa Magdalena Fernández, e polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Jesús Irisarri Castro.

Estiveron presentes en liña Teresa Táboas, que tamén está no Consello Asesor do Museo (dende México DF); e Gonçalo Byrne, presidente da Orden dos Arquitectos de Portugal (desde Lisboa), así como a directora do Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira en Cantabria, Pilar Fatás (dende Comillas).

Este grupo de expertos será o encargado de valorar os anteproxectos que presentaron cinco equipos de arquitectura de grande prestixio mundial: os madrileños Nieto Sobejano, o xaponés Kengo Kuma, o inglés David Chipperfield xunto ao gallego Carlos Seoane, o estudio holandés Kaan Architecten BV e os noruegos Snohetta Oslo nunha UTE co galego Alfonso Penela. Entre os cinco suman 78 premios internacionais.

De acordo co calendario establecido, a vindeira reunión do xurado quedou marcada para o 5 de xuño. E a idea é que nas seguintes xornadas manteñan as reunións que precisen para tomar unha decisión e facer a proposta de adxudicación. De momento, os prazos fóronse cumprindo segundo o previsto e anunciado nun principio.

A Deputación tamén foi avanzando de cara ao financiamento da rehabilitación, entre outras cuestións, cunha modificación de crédito aprobada polo Pleno provincial coa que se dispuxeron sete millóns de euros máis consignados a esa obra.

Queda por ver como lle afectará a esta actuación o cambio de Goberno na institución provincial, agora que o bipartito do PSOE e o BNG terá que cederlle o bastón de mando ao Partido Popular.