Segundo o Observatorio Industrial da Construción, en 2021 había 6.216 mulleres traballando no sector en Galicia, que representan o 8,4% do total dos ocupados da industria na comunidade e o 5% do total de mulleres empregadas en construción.
Se ben a presenza delas aumentou en postos técnicos e administrativos, hoxe en día seguen sen integrarse nos oficios da construción, é dicir, sen traballar a pé de obra. Búscanse carpinteiras, fontaneiras, electricistas, pintoras ou soldadoras.
Por este motivo, a Fundación Laboral da Construción de Galicia traballa para impulsar a incorporación de mulleres ao sector a través da campaña Ti Elixes, que promove a Xunta e que ten como finalidade o fomento da presenza feminina en sectores profesionais masculinizados.
En total, impartiranse 43 charlas a alumnado de 12 centros de 3º e 4º de Eso. Nelas, a través da experiencia de dúas profesionais, preténdese dar a coñecer a realidade do sector así como descubrir referentes. Chus Quintáns, técnica da Fundación Laboral, e Maruxa Barros, profesional especializada en traballos verticais e docente da Fundación Laboral comparten as súas vivencias nestas charlas.
A campaña pon o foco na importancia de escoller o rumbo profesional en función das motivacións, actitude, habelencias e capacidades de cadaquén, e non no xénero nin no feito de que se trate dun sector tradicionalmente ocupado por homes.