O consultorio de Ponte Sampaio reabrirá tras instalar unha segunda porta e un biombo

O Concello asume as obras necesarias, cuxa duración se estima en 15 días

 

Consultorio de Ponte Sampaio. DP
photo_camera Consultorio de Ponte Sampaio. DP

O consultorio de Ponte Sampaio volverá abrir tras a execución dunha pequena obra, que consistirá en abrir unha segunda porta para propiciar fluxos de circulación  e instalar unha mampara de separación na sala de espera.  A portavoz do Goberno municipal, Carme da Silva anunciouno este luns pola mañá. O Concello asume o financiamento e a execución dos trasballos, cuxa duración se estima en 15 días.

Segundo explicou o consistorio nun comunicado, a obra para abrir a segunda porta implica converter unha xanela xa existente en porta e acondicionar esa entrada. Este martes 25 de agosto, técnicos do Concello, do Sergas e da empresa procederán ás medicións e demais determinacións técnicas.

"Esta decisión chega despois dunha visita con responsabeis do Sergas, membros do goberno municipal e unha técnica do Concello, na que se optou pola adaptación do consultorio actual", explica o executivo local. Un labor que, segundo Da Silva "xa puido estar feito antes se non tivese interferido o PP local".

Ao respecto, a concelleira sostivo que o Concello manifestou desde o inicio a súa dispoñibilidade para facilitarlle ao Sergas emprazamentos que permitisen a inmediata posta en funcionamento da totalidade das prestacións sanitarias no consultorio de Ponte Sampaio, así como "a súa total colaboración para a execución urxente destas obras, mesmo co financiamento das mesmas". Finalmente, serán tramitadas polo prodecemento de emerxencia como consecuencia do protocolo Covid.

Comentarios