A contorna do Pontillón do Castro estrea mobiliario e piso nos camiños

O investimento, de 70 mil euros, permitirá arranxar os bancos, renovar os puntos de pesca e mellorar os parques infantís do lugar O alcalde, Fernández Lores, que visitou o lugar, lembrou que este é un espazo natural de "altísima calidade" na cidade
O rexedor pontevedrés e os concelleiros visitaron o estado das melloras na zona do Pontillón do Castro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O rexedor pontevedrés e os concelleiros visitaron o estado das melloras na zona. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou na mañá deste martes, acompañado dos concelleiros Alberto Oubiña e Pilar Comesaña, a contorna do Pontillón de Castro, que está a recibir unha renovación substancial e unha posta a punto dos seus bordes.

Trátase dun investimento de 73.000 euros para un espazo verde inaugurado hai once anos e que agora ve renovados os seus camiños perimetrais, o seu mobiliario e os seus puntos de pesca –habitualmente usados como miradoiros polos visitantes–. As tarefas, que aínda non remataron, xa se deixan notar na zona, que tamén verá como se renova o parque infantil da zona.

"Estas foron unhas obras para renovar e reparar todo o bordo do Pontillón do Castro, que estaba deteriorado logo dos máis de dez anos que leva de uso e gozo da veciñanza de Verducido e de Pontevedra", sinalou o alcalde trala visita de este martes ao recinto.

O rexedor pontevedrés e os concelleiros visitaron o estado das melloras na zona do Pontillón do Castro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Temos agora unha pista totalmente renovada con xabre, eliminamos todas as fochas; cambiamos tamén todos os peches perimetrais de madeira, reparamos os bancos... Foi feita unha actuación completa de reparación, en especial do mobiliario, que terá continuación no futuro coa reparación tamén dos parques infantís e, por suposto, co mantemento do propio parque forestal do Pontillón que entra dentro do paquete de mantemento de parques forestais, recollido nos orzamentos deste ano", suliñou Miguel Anxo Fernández Lores.

O rexedor destacou que aínda que este fose un investimento "relativamente pequeno" era un necesario, facendo fincapé no bo traballado realizado polas empresas contratadas á hora da posta a punto dun "espazo natural de altísima calidade visitado por moitísima xente, polo que debemos coidalo cada certo tempo".