Contratados en risco de exclusión poñen a punto a Alameda e as Palmeiras

O Concello acondicionou 22.000 metros cadrados e mellorou toda a xardinería da zona ► O edil Iván Puentes destaca a "mellora global" da cidade e a "oportunidade laboral"
Ivan Puentes preside la constitucion de la comision de direccion del proyecto de la Fundacion Biodiversidad
photo_camera O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes (c). DP

A contratación por nove meses de 20 persoas en situación de risco de exclusión social, posibilitou, xuntamente co traballo das brigadas municipais, darlle un pulo importante de mellora á Alameda e aos xardíns das Palmeiras.

Durante as últimas dúas semanas desenvolveuse o acondicionado total do pavimento da Alameda de Sesmero e das Palmeiras para que luzan nas mellores condicións durante as festas da Peregrina. Na súa totalidade, acondicionáronse uns 15.000 metros cadrados na Alameda e arredor duns 7.000 nos xardíns das Palmeiras en total, aproximadamente tres veces o estadio de Pasarón.

Nos traballos retiráronse as malas herbas mediante medios ecolóxicos manuais e con axuda de maquinaria, o que posibilita facer unha xestión destes espazos sen o emprego de herbicidas.

Ademais de nos pavimentos dos parques o persoal actuou na xardinería dos xardíns históricos coa retirada de malas herbas na rotonda e entorno en San Roque, a sega dos céspedes, e o tallado dos sebes como o do límite con Raiña Vitoria.

Dende a concellería de Desenvolvemento Sostible, que dirixe o socialista Iván Puentes, destacan a importancia do proxecto na mellora global da cidade así como por posibilitar unha oportunidade laboral e de coñecemento dos traballos relacionados coa xardinería e a conservación das zonas verdes municipais para as persoas traballadoras.

O servizo municipal de parques e xardíns tamén iniciou este mércores os traballos de poda e seguridade no arborado histórico dos xardíns de Vincenti. A tarefa centrarase inicialmente nun dos cedros senlleiros, cedro do Himalaia (Cedrus deodadra) próximo ao paseo de Cervantes. Este exemplar, danado polo temporal Flora en xaneiro de 2017, xa estaba a ser obxecto de especial vixilancia polo Concello.

Comentarios