domingo. 05.12.2021 |
El tiempo
domingo. 05.12.2021
El tiempo

Contundencia contra a violencia machista en Pontevedra

A biblioteca do Centro de Educación Permanente de Adultos acolleu este mércores a charla 'Violencia machista e discapacidade', impartida pola Asociación de Mulleres ccon discapacidade de Galicia. DAVID FREIRE
A biblioteca do Centro de Educación Permanente de Adultos acolleu este mércores a charla 'Violencia machista e discapacidade', impartida pola Asociación de Mulleres ccon discapacidade de Galicia. DAVID FREIRE
A denuncia dun sistema xudicial patriarcal e da violencia vicaria centran na cidade o Día para a Eliminación da Violencia contra a Muller ► Concello, Deputación, Subdelegación do Goberno, Cruz Vermella, sindicatos e colectivos feministas celebran actividades

Performances, lectura de manifestos, concentracións, talleres e teatro servirán para conmemorar este xoves en Pontevedra o 25 de Novembro (25N), Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.

Concello, Deputación e Subdelegación do Goberno realizarán actos institucionais nunha xornada marcada polas concentracións de colectivos feministas e sindicais. A denuncia dun sistema xudicial patriarcal e da violencia vicaria son dúas das cuestións que centrarán as reivindicacións deste ano.

A nosa soga é unha toga é o lema baixo o que se desenvolverá a concentración do Colectivo Feminista de Pontevedra (19.00 horas, Praza da Peregrina). Ademais da lectura do manifesto, a agrupación realizará unha performance sobre a violencia sexual e o sistema xudicial patriarcal.

Sobre a violencia vicaria é sobre a que quería poñer o foco este ano o Concello de Pontevedra, que desenvolve unha ampla programación durante todo o mes. Este mércores mesmo tivo lugar un faladoiro, na Casa das Campás, no que se reflexionou sobre este tipo de violencia que exercen os agresores sobre os seres queridos da muller, especialmente os fillos e fillas, coa intención de facer o máximo dano. Moderouno a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos.

Nel participaron a integradora social e promotora de igualdade de xénero Andrea Campos, filla dunha vítima de violencia machista; a directiva da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, Lupe Ces, e a presidenta da asociación de axuda a mulleres vítimas de violencia Xtodas, Eylin M. Colmenares.

Andrea Costas tamén lerá este xoves o manifesto do Concello polo Día para a Eliminación da Violencia contra a Muller (12.00 horas, Peregrina), xusto antes de que alí mesmo teña lugar unha das performances do ciclo Violencia Zero, da Deputación Provincial.

Inma López Silva. No caso da Subdelegación de Pontevedra, a lectura do manifesto do Goberno do Estado (11.00 horas, Subdelegación) correrá a cargo da escritora Inma López Silva.

A maiores, os sindicatos UGT e CC.OO. realizarán unha concentración de xeito conxunto (12.00 horas, Edificio Sindical), na que demandan "máis contundencia contra a violencia de xénero".

As dúas organizacións "reiteran a máis rotunda condena e repulsa contra todos os actos de violencia contra as mulleres e, moi especialmente, os máis dramáticos, como os asasinatos das mulleres e dos seus fillos e fillas a man das súas parellas e exparellas, que constitúen unha das manifestacións máis brutais e repugnantes da violencia contra as mulleres".

Cruz Vermella ofrecerá este xoves talleres online no IES Torrente Ballester. A xornada rematará coa obra Comando Comadres no Teatro Principal.

Axenda do día 
11.00 Subdelegación do Goberno. Lectura da Declaración do Goberno con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller a cargo da escritora Inma López Silva.

12.00 Praza da Peregrina. Lectura do manifesto do Concello polo Día para a Eliminación da Violencia contra a Muller por parte de Andrea Campos. A continuación, performance do programa Violencia Zero, da Deputación de Pontevedra.

12.00 Edificio Sindical. Concentración conxunta dos sindicatos UGT e CC.OO., que demandan máis contundencia contra a violencia machista.
Cruz Vermella. Talleres virtuais de sensibilización no IES Torrente Ballester, así como actividades tanto virtuais como presenciais na Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Pontevedra.

19.00 Praza da Peregrina. Concentración e lectura de manifesto do Colectivo Feminista de Pontevedra. Performance contra as violencias sexuais e o sistema xudicial patriarcal.

21.00 Teatro Principal. Representación da obra ‘Comando Comadres’, de Matrioshka Teatro, dentro do ciclo Ponteatro do Concello. Entradas á venda en ataquilla.com (8,25 euros).

 

Galardóns O V Concurso Escolar contra a Violencia de Xénero da Subdelegación constata o compromiso da mocidade
undefinedOs traballos de dez estudantes da provincia de Pontevedra recibiron este mércores, na Subdelegación do Goberno, os premios do V Concurso Escolar contra a Violencia de Xénero que convoca esta institución e que este ano tiña como tema central a violencia vicaria.
Aproveitando o acto, a subdelegada, Maica Larriba, apelou ao compromiso da mocidade para crear unha sociedade máis xusta e igualitaria. "Síntome moi orgullosa, como docente e como subdelegada do Goberno, do grao de compromiso que reflicten estes traballos", dixo. 

Casa das Campás: a violencia vicaria
undefinedDentro da programación do Concello arredor do 25N, onte celebrouse un faladoiro sobre violencia vicaria, na Casa das Campás, no que participaron Andrea Campos, Lupe Ces e Eylin M. Colmenares.

Contundencia contra a violencia machista en Pontevedra
Comentarios
ç