O convenio coa Fanpa dará servizo de comedor escolar a 45 nenos en risco de exclusión

O concelleiro de Educación, Tino Fernández, avanza que o acordo de colaboración “incrementará sustancialmente a súa contía económica”
Un comedor escolar. XESÚS PONTE
photo_camera Un comedor escolar. XESÚS PONTE

O convenio que o Concello de Pontevedra está a piques de asinar coa Federación de Nais e Pais de Alumnos (Fanpa) permitirá ofrecer un servizo de comedor escolar a 45 nenos en risco de exclusión social. Tal e como avanza o concelleiro de Educación, Tino Fernández, o acordo de colaboración “incrementará sustancialmente a súa contía económica (actualmente ascende a 210.000 euros anuais) e a idea é que poida asinarse a finais de mes”.

“Os comedores escolares -subliña o edil do PSOE- dan servizo a uns 1.100 nenos diarios en todo o municipio. O novo convenio incrementará de 32 a 45 o número de rapaces en risco de exclusión social aos que se lles dará cobertura e, ademais, farao dende o mes de setembro (ata o de agora incorporábanse ao servizo en outubro)”, sinala Tino Fernández.

En concreto, a través das subvencións municipais, a Fanpa xestionará os comedores escolares dos CEIP A Carballeira, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Barcelos, Cabanas, Campolongo, Froebel, Manuel Vidal Portela, Marcón, Parada (Campañó), Ponte Sampaio, San Bieito de Lérez, Santo André de Xeve e Vilaverde, así como do CEP Marcos da Portela e os EEI Concepción Crespo Rivas e Fina Casalderrey.