O convento de Santa Clara xa é público: "É un día histórico"

 Lores anunciar o preacordo coa orde das Clarisas para a compra do cenobio por 3,2 millóns
Convento de Santa Clara. RAFA FARIÑA
photo_camera Convento de Santa Clara. RAFA FARIÑA

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou este xoves un preacordo de palabra coa orde das Clarisas para a compra do convento de Santa Clara, que custará ás arcas municipais 3,2 millóns de euros.

"É unha operación urbanística á altura da incorporación da Alameda de Semeros á cidade", declarou Fernández Lores, que manifestou a súa satisfacción por este anuncio. "É un día histórico para Pontevedra", dixo.

Entre os seus tesouros, o convento conta con catro retablos, un órgano, un relicario e distintas obras artísticas.


UN LONGO CAMIÑO. O convento, que albergou monxas da orde das clarisas durante máis de sete séculos, está pechado desde finais de 2017, cando as relixiosas decidiron abandonalo ao non haber remuda xeracional que se ocupase do inmoble.

Desde entón, o goberno municipal emprendeu unha negociación para que o convento e os seus xardíns, que ocupan unha superficie de máis de 12.000 metros cadrados en pleno centro da cidade de Pontevedra, pasase a ser de xestión pública.

Estas conversacións, segundo explicou Lores, foron avanzando "pasiño a pasiño" nun proceso de negociación que cualificou como "duro e firme" por ambas as partes.

O prezo pactado, defendeu o alcalde, está "axustado" ao mercado e o Concello abonarao nun pago único cando se completen os trámites administrativos desta operación, que se poderían demorar varios meses. "É un día histórico para Pontevedra", destacou o alcalde, que asegurou que nos 22 anos como rexedor da cidade "este é un dos anuncios máis importantes" e dos que se sente "máis orgulloso" de toda a súa traxectoria.

Co acordo polo inmoble xa pechado, agora resta por culminar a negociación polos bens artísticos que hai dentro do convento, entre eles varios retablos, porque por agora a orde das clarisas "non decidiu se os vende ou non", apuntou Lores.

Tras sinalar que "nos gustaría que quedasen", o rexedor pontevedrés explicou que algunhas destas obras de arte "son de difícil traslado" e sobre elas terá que decidir ademais Patrimonio ao estar catalogadas e protexidas, do mesmo xeito que o está o propio convento.

Para os posibles usos que se lle vaian a dar a Santa Clara tras completar o proceso de compra, o alcalde explicou que se encargará un estudo "en profundidade" que analice as súas posibilidades e, ademais, "non descartamos" negociar con outras administracións.

Mentres que os xardíns, duns 10.000 metros cadrados, se abrirán á cidadanía, o Concello de Pontevedra estudará a posibilidade de ceder o uso do convento ao Museo de Pontevedra, previo acordo coa Deputación.

Comentarios