Conversas, cursos e cine taiwanés en Pontevedra

O Campus de Pontevedra convida á cidadanía a participar nunha programación cultural que inclúe actividades formativas, concertos, proxeccións, coloquios e exposicións
Pedro Pérez, Juan Manuel Corbacho, Xosé Leal, Anxos Riveiro, Manuel Morquecho, Suso Novás e Al Rosell (de esquerda a dereita)
photo_camera Pedro Pérez, Juan Manuel Corbacho, Xosé Leal, Anxos Riveiro, Manuel Morquecho, Suso Novás e Al Rosell (de esquerda a dereita)

Seis obradoiros, catro cursos, tres concertos, tres coloquios, tres ciclos de cine e tres exposicións conforman a programación cultural do Campus de Pontevedra para o que queda de curso. "Isto é unha oferta cultural aberta á cidadanía, un proxecto de todos para todos", explicou o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, lembrando que as actividades culturais do Campus son de acceso libre e gratuíto. "Nós estamos aquí para facer fronte ás carencias que existen, e que cada vez son máis importantes, dentro da oferta cultural da nosa sociedade", engadiu Manuel Morquecho. Neste sentido, a aposta do Campus pasa por ofrecerlle ao público dende unha oferta formativa vinculada aos novos xeitos de comunicación á posibilidade de gozar doutros cines, como o taiwanés. Faino en colaboración con distintas institucións. Á presentación da programación celebrada este mércores na Casa das Campás acudiron, entre outros, o director de Diario de Pontevedra, Pedro Pérez; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e a concelleira Anxos Riveiro.

Do conxunto da programación, os únicos que terán un prezo de matrícula serán os obradoiros (40 euros para o público en xeral e 26 para os membros da comunidade universitaria), que comezarán o 15 de febreiro e inclúen, por exemplo, un de Fala. Oratoria e comunicación, impartido por Al Rosell.

Conversas na Uvi incluirá charlas de Adrián Rodríguez con Teresa Casal, Rodrigo Cota con Lores e Bernardo Sartier con Xosé A. Castro

AULA TECNOLÓXICA. A estes obradoiros hai que engadir os cursos da Aula Tecnolóxica da Casa das Campás, de carácter gratuíto, que están a punto de abrir o seu período de matrícula.

A Casa das Campás será tamén o escenario de tres concertos: o da Orquestra do IES A Xunqueira I (30 de marzo), o do dúo Fírveda, que forman a violinista Marina Hermiada e a acordeonista Nerea Rodríguez (21 de abril) e o de Naima Acuña Quintet (mes de maio).

Na programación do Campus intégrase tamén o ciclo Conversas na Uvi, que coorganiza Diario de Pontevedra e no que, nos próximos meses, manterán charlas Adrián Rodríguez con Teresa Casal, Rodrigo Cota con Miguel Anxo Fernández Lores e Bernardo Sartier con Xosé A. Castro.

O Campus celebrará tres ciclos de cine: Eloxio do instante, coordinado por Suso Novás; Taiwan Doc, en colaboración coa Oficina Cultural e Económica de Taipei, e outro en colaboración co Instituto Francés do Cine.

Finalmente, a Sala X acollerá tres exposicións: unha colectiva de docentes e egresados; Apprentice Master, coordinada por Carlos Tejo, e Correspondencias un proxecto de Eduarda Neves da Escola Superior de Arte de Porto.

Comentarios