Sábado. 17.11.2018 |
El tiempo
Sábado. 17.11.2018
El tiempo

ONDE E CANDO

Conversas na Uvi 2017 cita a Fina Casalderrey, César Mosquera y Juan Tallón

O ciclo de charlas abertas ao público de Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo retómase o martes 31 de xaneiro

"Este ciclo naceu coa intención de converterse nun espazo de reflexión e pensamento aberto á cidadanía en plena crise, nun momento de moito barullo e confusión», explica o coordinador do ciclo Conversas na Uvi, Ramón Rozas, sobre os obxectivos que se marcaran Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo cando puxeron en marcha esta iniciativa, a finais de 2014. "O éxito dun personaxe como Donald Trump, o seu xeito de comunicarse e de dirixirse á xente, demostra que segue a ser necesario unha proposta destas características. Contamos ademais coa resposta positiva do público que, máis alá de acudir en maior ou menor medida ás citas, sempre sae satisfeito dunha experiencia que lle permite escoitar a alguén con tranquilidade".

A xornalista María Varela inaugura Conversas na Uvi 2017, o martes 31 de xaneiro, cunha charla coa escritora e académica da Lingua Fina Casalderrey. Seguiranas, o 21 de febreiro, Rodrigo Cota falando co vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, e, o 28 de marzo, Rafa Cabeleira co escritor Juan Tallón.

Desta maneira, o ciclo mantén o esquema co que naceu e que reúne a un xornalista de Diario de Pontevedra cun persoeiro do ámbito político, social, cultural ou deportivo co que manter unha conversa distendida.

ATA XULLO. A intención primeira dos organizadores do ciclo é que o calendario de Conversas na Uvi vaia de xaneiro a xullo, "algo moi relacionado co obxectivo do Campus de Pontevedra de abrir esta proposta á cidadanía máis alá do que é o curso académico", explica Rozas.

Tras as conversas conducidas por María Varela, Rodrigo Cota e Rafa Cabeleira, chegará a vez das de Bernardo Sartier (abril), Serafín Alonso (maio), Diana López Varela (xuño) e Xaime Nogueira (xullo). "Precisamente entre as novidades deste ano está a incorporación de dúas novas sinaturas de Diario de Pontevedra, Rafa Cabeleira e Diana López Varela, que escriben cadansúa última no xornal e que contan con seguidores moi fieis", indica Rozas. "Tanto Rafa como Diana son exemplos de xente nova cun enorme talento que achegarán dous novos puntos de vista ao ciclo".

Para o coordinador do ciclo, o balance da actividade, a punto de dar comezo a súa terceira edición, é moi positivo. "Escoitar tranquilamente a xente con cousas interesantes que dicir é máis necesario cada día nun mundo como o actual, onde tantas veces se impón a tolemia e o ruído".

Conversas na Uvi 2017 cita a Fina Casalderrey, César Mosquera y...
Comentarios