O ciclo Conversas na Uvi reúne a Tallón e Cabeleira na Casa das Campás

O escritor ourensán será entrevistado este martes polo columnista de Diario de Pontevedra

De literatura e de xornalismo, entre outras cousas, falarán este martes Juan Tallón e Rafa Cabeleira en Pontevedra. Farano no ciclo Conversas na Uvi, que organizan Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo. A charla, aberta ao público e con entrada libre, terá lugar ás 20.00 horas na Casa das Campás.

O ourensán Juan Tallón é escritor e columnista en diversos medios de comunicación, entre outros, El Progreso, El País e a Cadena Ser. Ademais é colaborador habitual da revista Jot Down. Licenciado en Filosofía, como autor tense enmarcado no denominado rat pack galego, un grupo de columnistas nacidos en Galicia que escriben en castelán na prensa estatal, e nunha nova xeración de sinaturas masculinas interesadas na metaficción, na narrativa deportiva e no xornalismo literario. Entre os libros que ten publicados destacan El váter de Onetti (Edhasa, 2013), Manual de fútbol. Un libro fuera de juego (Edhasa, 2014), Libros peligrosos (Larousse, 2014), Fin de poema (Sotelo Blanco e Alrevés, 2015) e Mientras haya bares (Círculo de tiza, 2016). É tamén autor do blog descartemoselrevolver.com.

O poiense Rafa Cabeleira é columnista de Diario de Pontevedra. Ademais éo en El País, onde escribe sobre o Barcelona F.C. Amigo persoal de Tallón, tamén forma parte dese rat pack galego e colabora en Jot Down. Ten máis de 11.000 seguidores na súa conta de Twitter, unha das redes sociais que acabaron por convertelo nunha referencia no ámbito do club blaugrana.

A de Tallón e Cabeleira será a terceira cita de Conversas na Uvi, un ciclo que coordina Ramón Rozas e que se abriu no mes de xaneiro cunha charla entre a xornalista María Varela e a escritora Fina Casalderrey. En febreiro foi a vez do columnista Rodrigo Cota, que convidou a falar con el ao vicepresidente da Deputación Provincial, César Mosquera.

Trala conversa de Juan Tallón e Rafa Cabeleira, chegará a do columnista Bernardo Sartier e o historiador Xosé Fortes Bouzán. Os dous falarán de memoria histórica e repasarán a biografía de Fortes. Será o 25 de abril.

XORNALISTAS. O ciclo Conversas na Uvi naceu co obxectivo de converterse nun foro de diálogo con personaxes relevantes da actualidade conducido por xornalistas e firmas destacadas de Diario de Pontevedra. Despois de María Varela, Rodrigo Cota, Rafa Cabeleira e Bernardo Sartier chegarán as charlas que preparan Serafín Alonso (maio), Diana López Varela (xuño) e Xaime Nogueira Casás (xullo).

A intención primeira dos organizadores do ciclo é que o calendario de Conversas na Uvi vaia ata o verán, "algo moi relacionado co obxectivo que se marcou o Campus de Pontevedra de abrir esta proposta á cidadanía máis alá do que é o curso académico", explica Ramón Rozas.

Para o coordinador do ciclo, o balance da actividade é moi positivo. "Escoitar tranquilamente a xente con cousas interesantes que dicir é máis necesario cada día nun mundo como o actual, onde tantas veces se impón a tolemia e o ruído", di. "O éxito dun personaxe como Donald Trump, o seu xeito de comunicarse e de dirixirse á xente, demostra que segue a ser necesario unha proposta destas características".

Comentarios