Conversas na UVI comeza a sexta edición subindo ao escenario a Marta Pazos

O crítico literario Ramón Rozas entrevistará a dramaturga pontevedresa, directora da compañía Voadora
Marta Pazos no transcurso dunha obra. RAFA FARIÑA
photo_camera Marta Pazos no transcurso dunha obra. RAFA FARIÑA

A dramaturga Marta Pazos será a primeira protagonista da sexta edición de Conversas na UVI, un proxecto que realizan en común Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo e que regresa co seu espíritu de dar a coñecer xente de Pontevedra que está a desenvolver o seu labor en distintos espazos profesionais.

O ciclo caracterízase por poñer fronte á fronte a un xornalista ou columnista de Diario de Pontevedra cunha persoa relevante no seu ámbito de traballo para manter con ela unha charla distendida aberta ao público. Esta primeira sesión correrá a cargo do coordinador das conversas e crítico literario, Ramón Rozas, e Marta Pazos, directora da compañía Voadora. "Elixín a Marta Pazos porque é de Pontevedra e porque está a desenvolver dende o mundo do teatro toda unha serie de achegas que son xa unha referencia, non só en Galicia, senón en todo o Estado", explicou Rozas no momento de dar a coñecer os convidados. "O que está a facer Voadora dentro do teatro de vangarda é das accións máis importantes que se están a realizar na escena española", engadiu.

A conversa abordará as orixes da dramaturga, a súa relación coa cidade e a evolución do seu traballo no mundo do teatro. Terá lugar este martes na Casa das Campás, ás 20 horas e, como sucedeu no resto das edicións, estará aberta a todo o público que queira achegarse á sala de conferencias.

As seguintes Conversas na UVI continuarán o 19 de decembro, co columnista Rodrigo Cota e o empresario Iago Barbeito, e o 28 de xaneiro coa xornalista María Varela e o académico e escritor Víctor Fernández Freixanes.

O ciclo seguirá a celebrarse durante os últimos martes de cada mes ata finalizar o curso académico, con invitados que serán desvelados durante as vindeiras datas.

O proxecto foi capaz de fidelizar a certo público, que adoita acudir a escoitar as conversas, e sempre suma espectadores puntuais a diálogos que transcurren "con tranquilidade, sen obstáculos polo medio", destaca Rozas.

Comentarios