Conversas na UVigo volve á Casa das Campás este martes con Fernández-Valdés

O ciclo de encontros da Vicerreitoría do Campus e Diario de Pontevedra recupera a presencialidade, aínda que con restricións
A produtora pontevedresa Teresa Fernández-Valdés. DP
photo_camera A produtora pontevedresa Teresa Fernández-Valdés. DP

A Casa das Campás acolle este martes unha nova edición das Conversas na UVigo que promoven a Vicerreitoría do Campus e Diario de Pontevedra.

A sétima edición deste ciclo de encontros recupera así a presencialidade aínda que con aforo moi reducido (15 persoas) e só con invitación, con motivo das restricións pola pandemia.

Sin nombreLa Guardia Civil se presentó en O Cunchido. GONZALO GARCÍA

Nesta ocasión a produtora Teresa Fernández-Valdés falará coa xornalista María Varela na primeira das charlas presenciais desta última etapa. A traxectoria profesional da produtora e fundadora de Bambú Producciones, o seu papel no eido audiovisual e a súa vinculación con Pontevedra serán os eixos arredor dos que xirará a conversa.

A cita terá lugar ás 19 horas na Casa das Campás e emitirase vía streaming a través do campus Remoto da Universidade de Vigo.

A iniciativa terá continuidade no mes de maio. Daquela o convidado será o mestre Ricardo Fernández Guerra, docente da especialidade de Cociña e Pastelaría no CIFP Carlos Oroza, que compartirá espazo coa tamén xornalista Chus Gómez. Xa en xuño será a quenda do escritor Nacho Carretero, autor de libros como Fariña (no que precisamente se baseou a serie de Bambú) e En el corredor de la muerte, quen falará co columnista do Diario de Pontevedra Rafa Cabeleira.

A traxectoria profesional da produtora e fundadora de Bambú e a súa relación con pontevedra serán os eixos da conversa

O coordinador das Conversas na UVigo, Ramón Rozas, amosouse satisfeito de que a iniciativa teña continuidade e recupere a presencialidade malia que polo de agora sexa cun estrito protocolo de seguridade e aforo reducido. "Vivimos unha situación extraordinaria e temos que adaptarnos a ela", explicou.

Ramón Rozas foi o encargado de conducir a primeira das charlas desta sétima edición de Conversas na UVigo que se levou a cabo na redacción de Diario de Pontevedra e se emitiu vía telemática. Daquela falou co actor e monologuista David Amor sobre a súa traxectoria profesional, o humor e a situación da cultura.

Tras o parón de marzo, no que o último martes do mes coincidiu coa Semana Santa, recupérase esta semana a actividade este mes coa produtora Teresa Fernández-Valdés, socia fundadora de Bambú, responsable de éxitos da televisión como Fariña, Velvet ou Gran Reserva e que actualmente está a rodar en Pontevedra a serie Un asunto privado, para Amazon.

Comentarios