Convocan dúas mobilizacións en Pontevedra o 8-M e fletan buses para a marcha de Lugo

Unha das manifestacións da Boa Vila será pola mañá e outra pola tarde

Rolda de prensa polo 8-M. DAVID FREIRE
photo_camera Rolda de prensa polo 8-M. DAVID FREIRE

A asemblea de colectivos feministas Galegas 8-M en Pontevedra anunciou este martes pola mañá as actividades que se realizarán con motivo da folga de mulleres do 8 de marzo. Deste xeito, convócanse mobilizacións en todas as cidades e municipios de Galicia. No caso de Pontevedra, haberá unha concentración na Praza da Ferrería ás 13.00 horas na que dúas feministas históricas da cidade lerán o manifesto elaborado por Galegas 8-M para este ano. 

Xa pola tarde, ás 20.00 horas, a plataforma feminista convoca unha manifestación polas rúas da cidade que partirá da Praza do Hospital e rematará na Alameda de Pontevedra. Esas son as actividades programadas para unha xornada de folga de traballo, de coidados, estudantil e de consumo.

Ademais dos actos do propio 8 de marzo, os colectivos feministas de Pontevedra ofrecen tamén a posibilidade de asistir á manifestación nacional que se celebrará en Lugo o domingo, 3 de marzo, en autobús. O prezo dos bonos de transporte é de oito euros e están dispoñibles nas librarías Paz e Metáfora da cidade. O autobús sairá dende a Praza de Galicia ás 8.30 horas da mañá. Tamén haberá transporte dende Marín, onde un autobús sairá de diante da Escola Naval ás 8.15 horas. Os bonos de transporte dende a dita localidade poderán mercarse por oito euros no Ximnasio Mat's. A volta para está prevista para as 20.00 horas. Por outra banda, Galegas 8M creou tamén un sistema de bonos de axuda por valor de cinco euros para colaborar nos gastos de organización das mobilizacións de mulleres que se poden adquirir nos citados establecementos.

 A voceira de Galegas 8M en Pontevedra, Sabela Fraga, anunciou tamén que se levará a cabo un obradoiro de elaboración de cartaces e pancartas para as manifestacións de Lugo e Pontevedra. A cita terá lugar o venres, 22 de febreiro, a partir das 17.00 horas, na Casa da Luz de Pontevedra. As persoas participantes poden levar material como papeis, cartolinas ou rotuladores. A participación está aberta á cidadanía e é de balde.

A Asemblea Galegas 8M formouse en decembro de 2017 co obxectivo de reflexionar e a traballar nun Día das Mulleres a nivel galego que sexa o máis diverso, horizontal e inclusivo posible. Esta asemblea está formada por decenas de colectivos, plataformas e organizacións feministas e mulleres a título individual e ten carácter itinerante, realizando as súas xuntanzas en distintos puntos da xeografía do país.

Comentarios