O Correlingua celebra en Pontevedra a súa 24ª edición

Participaron na actividade de promoción do galego escolares de centros da cidade, a comarca e o Barbanza

Dende aquí até acolá, galego xa!" é o lema que guía este ano as marchas escolares do Correlingua, unha actividade a prol da normalización lingüística que se desenvolve, en distintas etapas, por todo o territorio galego e que este luns xuntou en Pontevedra a arredor de 1.300 escolares de 19 centros de ensino, segundo a organización.

Nesta edición, ademais de estudantes da capital da provincia e da comarca tamén participaron outros chegados do Barbanza (A Coruña), en concreto de Rianxo e de Ribeira. A actriz Isabel Risco foi a encargada de conducir, na Alameda, a festa final do Correlingua, que arranca cos estudantes facendo distintos roteiros polo centro da cidade.

"Isto vai ser unha festa rachada!", anunciou antes de darlle lectura ao manifesto deste ano, un texto colectivo saído dos obradoiros de 'Desata a lingua', realizados por distintas escolas galegas e coordinados por escritoras como Aldaolado.

"Esta é unha mensaxe para as familias, as institucións, os medios, as mestras e os mestres, as rapazas e rapaces coma nós: dende aquí queremos berrar ben alto que non nos apetece, non nos presta e non nos peta que a nosa lingua esmoreza", comezaba o manifesto, que se foi intercalando cos berros de "Dende aquí até acolá, galego xa!".

Isabel Risco presentou ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, como "alguén que fai que nesta cidade todo se comunique na nosa lingua". Lores deulle a benvida á cativada "á que, como sabedes, é a cidade dos nenos e das nenas". Tivo, ademáis, dous saúdos especiais: un deles dirixido a toda a rapazada que viña de fóra da cidade a participar no Correlingua. O outro, aos profesores responsables da Normalización Lingüística nos centros.

"Todos eles fan un traballo excepcional e demostran que a nosa lingua serve para todo, para falar e para xogar. Viva o galego!", rematou o alcalde. Acabada a parte máis seria da festa, chegou o momento do concerto. "Chegou o tempo de facer regos neste campo de baile, neste campo da festa que é hoxe a Alameda. Chegou o momento do rock and roll total. E quen mellor para facelo que a banda A Gramola Gominola, unha das gañadoras do certame de Cantalingua".

A actividade rematou coa xa tradicional solta de globos xigantes biodegradables.

Correlingua, que celebrou este ano a súa 24º edición, está considerada a maior actividade de Normalización Lingüística que se fai en Galicia. Este ano estímase que participaron arredor de 20.000 escolares de todo o territorio. Detrás da proposta están CIG-Ensino, A Mesa e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). Colaboran as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, e os concellos de Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ourense, Vigo e Lugo.