Correlingua chega á meta en Pontevedra

Foron 1.500 escolares de 18 centros de ensino, segundo a organización, os que participaron na última carreira pola lingua deste ano ► O evento rematou na Praza da Ferrería cun concerto de Pauliña e coa entrega de agasallos

A chuvia respectou a celebración do Correlingua onte en Pontevedra e só unhas pingas salpicaron a parte final da festa deste evento no que participaron, segundo a organización, 1.500 escolares de 18 centros de ensino. A da cidade foi a última das doce etapas nas que se dividiu este ano a carreira polo idioma, que organiza unha asociación co mesmo nome co obxectivo de promover o uso do idioma entre os estudantes e coa que colabora CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, así como as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo e os concellos de Santiago, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo e Lugo.

Os centros que participaron foron: CEIP Manuel Vidal Portela, CEE Pontevedra, CEIP Praza de Barcelos, CPR Sagrado Corazón de Placeres, CPI de Pontecesures, CPI Julia Becerra Malvar, IES de Ponte Caldelas, CPI do Toural e CEIP A Xunqueira 2. Ademais, estiveron presentes estudantes de IES Frei Martín Sarmiento, CEIP San Martiño, CPR Santiago Apóstol, CEIP A Lama, CEEPR Amencer-Aspace, CEIP Santo André de Xeve, CPR Salesianos A Mercé, CEIP Marcos da Portela, CPI de Meis e IES A Xunqueira 1.

A FÓRMULA. O lema baixo o que este ano se desenvolveu a carreira pola lingua, e as actividades que a complementan foi "O galego e a fórmula". A saída do percorrido tivo lugar ás 10.45 horas da Praza da Ferrería, punto tamén de chegada, sobre as 11.30 horas. Aí deu comezou un acto festivo conducido polo regueifeiro e zanfonista Luís O Caruncho, que incluíu un concerto de Pauliña e a entrega de agasallos.

"Correlingua abrangue distintas accións a prol do idioma que se levan desenvolvendo durante todo o curso escolar en centros de ensino de toda Galicia", lembra o Concello de Pontevedra. "Convocáronse concursos de manifesto, banda deseñada, vídeo e o Cantalingua, o certame musical de cancións do que saen as actuacións nas festas finais". As bases e os traballos premiados están compilados no web www.correlingua.gal.

Cada unha das categorías serviu para que o alumnado dos distintos centros puidese traballar a idea do lema da edición deste ano e incidir na necesidade de que o galego estea presente en todas as materias do ensino, incluída as do ámbito científico.

correlingua

Comentarios