Correlingua en streaming: cambio de formato por mor da covid

A carreira escolar na defensa do idioma cambia de formato debido ás restricións sanitarias e celebra o seu 20º aniversario con actividades nos colexios
Alberto Oubiña, Marcos Maceira, María Ortega, Anxo Terán e Xacobe Rodríguez (de esquerda a dereita). DAVID FREIRE
photo_camera Alberto Oubiña, Marcos Maceira, María Ortega, Anxo Terán e Xacobe Rodríguez (de esquerda a dereita). DAVID FREIRE

O CEIP de Xeve participará no 20º aniversario de Correlingua, un evento arredor do idioma galego que, debido ás actuais restricións sanitarias, cambia de formato. No canto da tradicional carreira escolar, este ano agrupará unha serie de actividades de música e literatura que se retransmitirán online dende distintos colexios.

"Co lema Vinte coa lingua, Correlingua terá presenza física nunha ducia de centros escolares doutras tantas localidades galegas, e todas as súas actividades serán retransmitidas en streaming a través da súa canle de YouTube", indican os responsables do evento. As propostas comezarán o xoves 5 de novembro en Narón, e pasarán despois por Pontevedra, A Estrada, Moaña, Vigo, O Rosal, Lugo, Xove, Rianxo, Zas, A Coruña e Ourense, contando con actuación dos grupos e artistas Ce Orquestra Pantasma, Aldaolado, Luís Caruncho e A Gramola Gominola, ademais dos grupos gañadores do Cantalingua Cuarta Xusta, Monolius Dop e Birlibirloque. A Pontevedra, Correlingua chegará exactamente o 18 de novembro, ao CEIP de Xeve, onde estarán Cuarta Xusta e Luis Caruncho.

O evento, que conta co apoio das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, foi presentada onte na institución provincial pontevedresa nun acto no que participaron tanto a deputada de Lingua, María Ortega, como o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña. Xunto a eles estiveron representantes da entidades organizadoras: o presidente da asociación cultural Correlingua, Anxo Terán; o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, que denunciou os intentos por "afogar" esta iniciativa por parte "dalgunhas institucións"; e o secretario comarcal do sindicato CIG-Ensino, Xacobe Rodríguez.

"Non podiamos parar", dixo Anxo Terán, en palabras facilitadas pola Deputación. Segundo contou, a 7 de marzo, había 12.000 alumnos e alumnas inscritos para participar no Correlingua de maneira presencial. "Agora animámolos a todos a achegarse ás redes para participar tamén de xeito virtual". 

Comentarios