Correlingua xuntará a 1.300 escolares en Pontevedra

A Gramola Gominola actuará na festa de peche da actividade, que conducirá Isabel Risco na Alameda. Alumnado do Barbanza acudirá á cita do día 27 de maio

Gómez, Couso e Rodríguez (de eqda. a drta.), no Concello. J. CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Gómez, Couso e Rodríguez (de eqda. a drta.), no Concello. J. CERVERA-MERCADILLO

Como a maior actividade de Normalización Lingüística que se fai en Galicia foi presentada este martes, en Pontevedra, Correlingua, unha proposta de CIG-Ensino, A Mesa e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), que conta coa colaboración das deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, e dos concellos de Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ourense, Vigo e Lugo, e que este ano chega á súa 24º edición. "É a maior tanto polo número de participantes, que este ano superará os 20.000 escolares, como polo número de centros implicados", explicou Xacobe Rodríguez, de CIG-Ensino. Na carreira de Pontevedra, que terá lugar o día 27 de maio pola mañá, participarán arredor de 1.300 escolares de 19 centros de ensino.

Rodríguez, que estivo acompañado na presentación da actividade polo concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, e por Isolina Couso, da AS-PG, contou que este ano, ademais de centros escolares da cidade de Pontevedra e da súa comarca, tamén participarán na carreira escolar varios centros do Barbanza (A Coruña). "De Rianxo e de Ribeira".

A Alameda volverá ser o lugar escollido para celebrar a festa final desta proposta que mestura deporte, convivencia e promoción da lingua, e que conta con dous percorridos polas rúas da cidade: un máis curto, deseñado para o alumnado de Infantil, e outro máis longo, para o resto. "En realidade, máis que unha carreira, o Correlingua é unha marcha polo idioma", aclarou Xacobe Rodríguez.

Cantalingua

A actriz Isabel Risco será a condutora do acto, no que actuará o grupo A Gramola Gominola, gañador do certame Cantalingua. "Hai que lembrar que, aínda que habitualmente poñemos o foco nesta festa, o Correlingua desenvólvese ao longo de todo o ano escolar implicando a escritores e escritoras, músicos e músicas e, por suposto, a profesorado e alumnado".

Por unha banda celébrase o citado Cantalingua, do que saen as bandas que despois actúan polas localidades nas que se celebra a festa. Por outra está Regueifando, unha actividade que viaxa polos centros escolares e conclúe coa realización dun vídeo. E, finalmente, Desatalingua, un conxunto de obradoiros a partir dos que se elabora o manifesto da festa. Este ano estiveron coordinados por Aldaolado (o dúo das poetas Lucía Aldao e María Lado).

Correlingua rematará coa xa tradicional solta de globos xigantes biodegradables.

Comentarios