Correos amplía a 13 concellos a rede de recollida de paquetes á carta

O servizo 'Citypaq' pódese atopar en comunidades de veciños ou áreas de servizo e comerciais

Unha usuaria recollendo un paquete no Citypaq da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Unha usuaria recollendo un paquete no Citypaq da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Correos vén de instalar en Galicia novos dispositivos automáticos para a entrega e recollida de paquetes, os coñecidos como Citypaq. Son xa 170 os puntos da comunidade que dispoñen deste servizo, que permite recibir as compras de paquetería por Internet e recollelas no día e hora que mellor conveña, sen ter que estar pendente de horarios nin datas de entrega.

No concello de Pontevedra o servizo non está aínda moi avanzado, xa que conta con só dous dispositivos, instalados na Escola de Enxeñaría Forestal do Campus da Xunqueira e na propia Oficina de Correos (Rúa da Oliva, 19-21). Porén, segundo afirma Sofía Fernández, responsable de Citypaq, "los dispositivos existentes aumentan cada día, es un servicio muy dinámico y estamos instalando nuevos buzones constantemente".

O obxectivo de Correos é que os Citypaq poidan localizarse en lugares de paso ou de fácil acceso. Entre eles poderían contarse gasolineiras, centros comerciais, comunidades de veciños, campus universitarios ou centros de traballo.

Na provincia de Pontevedra, o concello de Vigo é o que conta con maior número destas innovadoras caixas de correo, máis de 20, situadas en puntos como o CUVI ou os centros comerciais de Camelias e de Praza Elíptica, así como en diversos aparcadoiros, gasolineiras, tendas 24 horas e outros establecementos comerciais.

O resto de concellos da provincia que contan con dispositivos Citypaq son Catoira, Moaña, Ponteareas, Sanxenxo, Baiona, Lalín, O Rosal, O Grove, Redondela e Vilagarcía de Arousa, ademais do que se atopa na estación de servizo Repsol San Simón, no km 144 da AP-9 (Vilaboa). A caixa de correo do Grove, que se atopa desde o pasado luns na estación de autobuses, foi a última da provincia en ser activada.

A rapidez de expansión desta rede de consignas está máis que constatada, xa que hai unha semana só dez localidades contaban con dispositivos Citypaq, o que supón unha expansión cara a tres concellos novos (Lalín, O Rosal e O Grove) en tan só sete días.

Entre todas estas localidades suman 70 dispositivos, 17 dos cales son públicos e constan na aplicación de Citypaq. Os 53 restantes son privados e só os pode empregar quen posúa o código asociado, que introduciría na aplicación de Citypaq para escoller ese buzón como punto de recepción do paquete.

Os 17 dispositivos públicos inclúen tres que están situados en supermercados Carrefour, empresa coa que Correos vén de asinar un convenio a nivel estatal coa intención de seguir afondando na expansión do servizo Citypaq. Os tres primeiros supermercados da provincia en contar con eles están nas localidades de Moaña, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa, pero prevese que proximamente sexan máis os que se sumen a este convenio.

ÉXITO NOUTROS PAÍSES. O proxecto de Citypaq nace como resposta ao incesante aumento das compras por Internet a través dunha iniciativa do Departamento de Innovación de Correos, pero non foi unha creación exclusiva desta empresa pública española, senón que moitos outros servizos de mensaxería europeos o teñen incorporado nos últimos anos con altas taxas de éxito. A gran necesidade de entrega de paquetes que supón o comercio electrónico vese suplida con este sistema, que contribúe a solventar os problemas de entrega relacionados coa ausencia do domicilio.

Segundo afirma Sofía Fernández, os clientes "valoran mucho la comodidad que ofrece Citypaq" e "están todos muy contentos". "En varios lugares tuvimos que ampliar el tamaño de los dispositivos que habíamos instalado originalmente para atender la demanda existente", engade.

"Lo mejor del servicio es que el paquete te espera a ti, no esperas tú por el paquete, como sucedía antes. Es un giro total de concepto que además es realmente fácil de usar en cuanto te das de alta en la aplicación de Citypaq", explica a responsable do innovador sistema de mensaxería.

A instalación destas consignas para a recollida de compras por Internet iniciouse en España en febreiro de 2015 coa habilitación de cinco máquinas en estacións da rede ferroviaria catalá, e foise estendedo ao longo dese ano por outras grandes cidades como Madrid ou Sevilla.

A día de hoxe, a compañía pública de mensaxería rexistra peticións diarias de diversas empresas, agrupacións veciñais ou institucións públicas para ampliar a oferta deste servizo a cada vez máis puntos de máis localidades de todo o territorio español, expansión que se fai efectiva de forma constante.

Funcionamento
Citypaq non se restrinxe a envíos de Correos
O comprador enliña que desexe recoller a súa adquisición nunha das máquinas deste novo sistema debe darse de alta na páxina www.citypaq.es ou descargar a aplicación móbil, dispoñible en Google Play e na App Store.
Unha vez rexistrado, o usuario pode elexir o dispositivo no que quere recoller o seu paquete, independentemente de se o envío do mesmo está ser xestionado por Correos ou por outra compañía. Cando a compra chegue ao seu destino, recibirá un SMS ou correo electrónico informando de que pode pasar a buscalo. A recollida pode ter lugar a calquer día e hora dentro do horario das instalacaións nas que se atope a caixa de correo

 

Comentarios