Costas formaliza o contrato para a construción da senda peonil a Marín

A obra será executada pola construtora San José por un importe de 1,7 millóns de euros e contribuirá a conectar a pé os dous municipios pola ribeira sur da ría de Pontevedra
2020062613111448127
photo_camera Imaxe da estrada que une Pontevedra con Marín pola que se construirá a senda. RAFA FARIÑA (ARQUIVO)

O paseo entre Pontevedra e Marín está un paso máis preto. O alcalde en funcións, Tino Fernández, calificou este xoves como "unha mostra máis do absoluto compromiso do Goberno de Pedro Sánchez con Pontevedra" a publicación no BOE de onte da contratación do itinerario peonil que conectará a pé a cidade e Marín (treito Pontevedra-Os Praceres) por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica. O socialista subliña "a importancia" deste anuncio de formalización de contrato da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, "cunha actuación que suporá un investimento de 1.734.766,22".

A publicación da adxudicación do proxecto á empresa Constructora San José SA mediante procedemento aberto (de entre 16 ofertas recibidas) foi recibida por Fernández "como unha proba do agarimo recíprocro de Pontevedra e Pedro Sánchez", o que pon de manifesto "que un Goberno progresista é o único xeito de garantir esas grandes infraestruturas e obras que quedan pendentes na cidade"

Tamén amosou a súa satisfacción ao respecto a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, quen subliña que o Goberno central "está traballando arreo para facer realidade este tipo de proxectos tan demandados pola cidadanía". "O Executivo de Pedro Sánchez cumpre unha vez máis, neste caso a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica, coas promesas que tiña adquiridas cos cidadáns de Marín e de Pontevedra. A palabra do Goberno central é unha garantía de progreso para a nosa provincia".

O paseo peonil ata Marín é un dos grandes proxectos pendentes do Goberno estatal en Pontevedra. A obra dará continuidade ao paseo peatonal existente xa pola ribeira do Lérez e unirá a Pontevedra co concello veciño. Así, ocuparase parte da PO-12 para a construción da senda.

Con esta intervención será posible pasear pola marxe do río e da ría dende Bora ata Marín, xa que o Concello de Pontevedra tamén dará continuidade aos seus paseos pola ribeira coa mellora xa anunciada na Avenida de Bos Aires, entre a ponte dos Tirantes e a de Santiago.