A Covid-19 marca o primeiro achegamento ao campus de Pontevedra do novo alumnado

Belas Artes apostou pola presencialidade, agás nunha materia ► Fisioterapia trasladará parte da súa docencia teórica a Forestais
Presentación en Balas Artes, coa vicedecana Natalia Caparrini. DUVI
photo_camera A decana de Fisioterapia recibe ao estudantado na porta do centro. DUVI

Unha semana antes a que dea inicio de xeito oficial o curso 2020-2021, un ano académico que virá marcado pola crise sanitaria xerada pola Covid-19, algunhas das facultades do campus de Pontevedra recibiron este luns ao seu novo alumnado, nos primeiros actos de benvida dunha serie que continuará mañá de xeito telemático, informou o Duvi.

Os do luns, en Fisioterapia e Belas Artes e na Escola de Enfermaría foron presenciais. Ademais de para presentarlles as titulacións e os diferentes servizos da UVigo e facerlles entrega dunha máscara hixiénica reutilizable, estes actos serviron tamén para informar dos plans de prevención dos centros e das medidas que deberán seguir ao longo do curso.

O curso empezará o luns 21 "coas incertezas que todos temos por mor da situación sanitaria", recoñecía a vicerreitora de Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, no acto desenvolvido en Belas Artes. Non obstante, "desde a Universidade temos todo preparado para calquera dos escenarios".

Lantarón: "Solicitamos dos aulas más grandes en Forestais y nosotros reconvertimos alguna en laboratorio"

A UVigo desenvolveu o Campus Integra, que permitirá combinar a docencia simultánea entre o alumnado que se atope na aula e aquel que siga as clases de xeito virtual a través do Campus Remoto. Estas "dúas plataformas farán posible dar resposta a tres posibles escenarios", o modelo presencial, o modelo mixto e o "dunha docencia totalmente virtual", no caso de que a situación sanitaria obrigase a suspender a actividade presencial. Ademais do Campus Remoto conta coa nova plataforma de teledocencia MooVi e a posibilidade de ceder ordenadores e dispositivos Mifi ao alumnado que os precise.

MÁSCARAS. A Universidade está a facer entrega ao alumnado de primeiro curso dunha máscara hixiénica reutilizable. Para o resto da comunidade universitaria, atendendo ás recomendacións sanitarias vixentes e co fin de evitar la formación de colas nas conserxerías, o reparto será progresivo.

Fisioterapia foi o luns o primeiro centro en recibir de xeito presencial ao seu novo alumnado, nun acto no que participou o equipo decanal e a coordinadora de relacións internacionais da facultade. Divididos en dúas quendas, os estudantes recibiron información xeral sobre o funcionamento da facultade e a titulación, así como da oferta formativa do Centro de Linguas. Tras darlles a benvida "a un curso con características especiais, que esperamos que se noten o menos posible na vosa formación», a decana, Eva María Lantarón, lembroulles que o centro estableceu unha serie de medidas "para que as clases sexan o máis seguras posibles", instándoos, como "futuros profesionais da saúde, a velar pola vosa saúde e a dos vosos compañeiros".

Lantarón apuntou tamén que o centro, que desenvolve nestas semanas "clases de reforzo dos contidos prácticos" do pasado curso, apostou porque esta parte práctica das materias sexa "totalmente presencial", optando por un modelo mixto nas teóricas. De feito, o acto pechouse na Escola de Enxeñaría Forestal, cunha presentación do plan de prevención deste centro, onde terá lugar parte da docencia teórica. "Primero y segundo se trasladarán a Forestais, donde solicitamos dos aulas más grandes". Así mesmo, en Fisioterapia reconvertíronse algunhas aulas en laboratorios, apuntou. En primeiro haberá 53 alumnos.

Divididos en tres quendas, o novo alumnado de Belas Artes recibiu información do grao, a facultade, o portal da Universidade, a biblioteca e os diferentes servizos da institución académica, antes de realizar un percorrido polos talleres do centro. "Este é un momento moi emocionante para vós, malia estas circunstancias tan especiais, porque pasar pola universidade é unha experiencia que supera con creces á meramente académica", trasladoulles o decano, Xosé Manuel Buxán, que incidiu en que a pesares das "dificultades engadidas" que supón para un grao como Belas Artes, a facultade apostou porque comezasen o curso de xeito presencial, coa excepción dunha materia de carácter teórico. Ciencias da Educación farao mañá de xeito virtual e Ciencias Sociais o luns 21, día no que a EE Forestal recibirá de forma presencial ao seu novo alumnado.

Comentarios