O covid-19 sacrifica as festas do Entroido pontevedrés, pero salvará a Ravachol

Non se celebrará ningunha das actividades destas festas, nin o desfile, nin a Mostra da Parodia, nin a Noite Pirata, nin o Certame de Murgas ▶ O papagaio máis famoso da Boa Vila estará presente, pero sálvase de ser queimado para evitar aglomeracións durante o velorio
Ravachol virá este ano pero previsiblemente sen actos para evitar as aglomeracións de xente. RAFA FARIÑA (ADP)
photo_camera Ravachol virá este ano pero previsiblemente sen actos para evitar as aglomeracións de xente. RAFA FARIÑA (ADP)

A pandemia de covid-19 non permitirá celebrar este ano a programación habitual do Entroido pontevedrés. Non haberá desfile, nin concurso de murgas, nin Noite Pirata, nin Mostra da Parodia por primeira vez en décadas. Si chegará Ravachol, aínda que o fará sen presentación para evitar aglomeracións. "É o protagonista máis importante do Entroido e merece ter un trato diferente", explica Carme da Silva.

Do mesmo xeito, o papagaio non será incinerado, salvado polo covid, tamén coa finalidade de que o seu velorio non xere unha afluencia de público que poida ser foco de contaxio. "Hai que agradecer o esforzo da Asociación Recreativa de Xeve, que se encarga da confección de Ravachol, respectando todas as medidas de seguridade e sen ese traballo colectivo que é habitual nestas festas", explicou a concelleira.

"Ravachol é o protagonista máis importante das festas e merece un trato diferente"

Precisamente un dos motivos polos que se suspenden a totalidade dos actos propios do Entroido pontevedrés é a imposibilidade de realizar reunións para os ensaios de comparsas e outras agrupacións que participan nestas festas. Nin están permitidas nin serían seguras. Ademais, Carme da Silva recordou que eventos como o desfile de Carnaval, que ateiga as rúas da cidade por un tempo que adoita superar as cinco horas.

O Entroido da cidade queda así practicamente cancelado, aínda que se manterán certas actividades testimoniais nas prazas de cara a "recordar e homenaxear ás persoas que traballan todos os anos para que a poboación goce destas festas", explicou a concelleira de Festas, Carme da Silva, nunha rolda de prensa na mañá de onte.

"Este será un Entroido distinto e triste no que recordaremos o que esta situación tan dura non nos permite facer"

As festas deste ano terán como fío condutor a memoria histórica do carnaval na rúa. Carme da Silva recoñeceu que o deste 2021 será un entroido "diferente e triste no que recordaremos o que esta situación tan dura non nos permite facer". Deste xeito, o Concello prepara diversas mostras para ocupar o espazo público nas que recordar outros entroidos, así como os anos de arraigo desta festa na cidade.

Da Silva indicou que nos vindeiros días dará a coñecer distintas actividades que promocionará o departamento que dirixe sobre o Carnaval. Serán propostas que tratarán de recuperar a memoria histórica do Entroido na cidade, e que non suporán a congregación de persoas.

"Hai que agradecer o esforzo da Asociación Recreativa de Xeve, que confecciona a Ravachol"

Estas exposicións e similares tamén servirán para facer unha homenaxe a todas as persoas que ano tras ano participan no entroido pontevedrés.

A deste ano sería a trixésima edición do Certame de Murgas, que cumpriría 30 anos desde a súa posta en marcha de celebrarse o Entroido con normalidade. O evento reúne cada vez máis cantidade de agrupacións que amosan a súa visión máis cómica e satírica da actualidade con récord de público, con colas dende primeira hora da tarde ata a hora do comezo do espectáculo no Pazo da Cultura para conseguir unha butaca libre. O covid trasladará este aniversario especial a 2022. Queda cancelada tamén a que sería a XXV Mostra da Parodia do Entroido. Así, o evento tería tamén motivos para a celebración tras 25 anos en marcha. O cuarto de século terá que pospoñerse, do mesmo xeito, ao próximo Carnaval, obrigado pola pandemia de covid-19, ao igual que a Noite Pirata, que se celebrará no martes de Entroido de 2022.

Pontevedra renuncia así ao seu Entroido, que tería que encher as rúas entre os sábados 13 e 20 de febreiro, por preservar a saúde pública na medida do posible na terceira vaga da pandemia.

Comentarios