A covid obriga a adaptar o espíritu de Pontenciencia

A Concellería traballa nunha semana de actividades en novembro con grupos dun máximo de 25 escolares por centro
Tino Fernández. DP
photo_camera Tino Fernández. DP

A pandemia da Covid-19 obrigou a reformular este ano o programa de "Pontenciencia 2020: VII Feira da Miniciencia", un proxecto impulsado pola Concellería de Educación de Pontevedra e subvencionado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades dentro da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación.

Ata o de agora, segundo lembrou este sábado a Concellería nun comunicado, víñase celebrando unha feira expositiva de proxectos de investigación escolar aberta ao público, co obxectivo de poñer ao alcance dos cidadáns un conxunto de ferramentas e actividades que proxecten unha visión dinámica e atractiva da ciencia, pero a situación sanitaria levou ao departamento que dirixe Tino Fernández a reconvertela nunha "Semana de Pontenciencia 2020. VII Feira da Miniciencia: Que o coñecemento non pare!".

A intención do tenente de alcalde é que esta semana de actividades de divulgación técnico-científica poida desenvolverse entre os días 9 e 13 de novembro, tanto na Escola Universitaria de Forestais do Campus de Pontevedra como nos centros educativos de Primaria do municipio.

"Trátase dunha proposta de actividades individualizadas para cada grupo participante, de cuxo contido, duración e características informarase en breve aos colexios, e ás que asistirán un máximo de 25 escolares por centro de 5º e 6º curso de Primaria", explica o edil socialista.

A participación en Pontenciencia 2020 realizarase mediante inscrición previa e, no caso de elixir a realización da actividade na Escola de Forestais, a Concellería de Educación proporcionará o correspondente medio de transporte (de efectuarse no propio colexio, o equipo desprazaríase ata alí). Tal e como asegura Tino Fernández, "todas as actividades realizaranse cumprindo as medidas hixiénico-sanitarias existentes asociadas ao actual contexto de pandemia", podendo modificarse o programa "en función da situación sanitaria que teñamos no momento de celebrarse".

A Concellería de Educación xa informou da nova proposta aos centros escolares de Pontevedra, de cara a que confirmen a súa vontade de participar no evento, indiquen a persoa de contacto para poder resolver posibles dúbidas e comezar a preparar as actividades en grupos reducidos de escolares.

Comentarios