Crean na EE Forestal unha metodoloxía para localizar plantacións de castiñeiros

O método emprega imaxes por satélite para atopar árbores novas
Julia Armesto e Laura Alonso. DUVI
photo_camera Julia Armesto e Laura Alonso. DUVI

Máis aló dos soutos presentes en múltiples puntos de Galicia, na comunidade existen tamén múltiples plantacións de castiñeiros novos, en moitos casos de reducidas dimensións, e polo tanto máis complexas de detectar e contabilizar. Partindo desa idea, investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal do Campus de Pontevedra desenvolveron unha metodoloxía que permite detectar e cuantificar este tipo de plantacións, sustentada no uso de fontes cartográficas oficiais de libre acceso e das imaxes tomadas polos satélites Sentinel da Axencia Estatal Europea. "Trátase dunha metodoloxía para unha cuestión moi específica, para un fenómeno que se está dando no territorio galego, que crece en determinadas contornas e para o que non había unha forma de saber cantos castiñeiros se están plantando", salientou a profesora Julia Armesto.

Sustentada no desenvolvemento dun algoritmo capaz de detectar plantacións de castiñeiros, esta metodoloxía baséase no uso de "fontes oficiais e gratuítas", como dixo Armesto. Concretamente, emprega tanto a información tomada con tecnoloxía Lidar no Plan Nacional de Ortografía Aérea (PNOA), do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, como as imaxes tomadas polo satélite Sentinel-2, do programa Copernicus da Axencia Espacial Europea. A pesares das limitacións que, en termos de resolución, supón o emprego destas fontes de acceso aberto, os castiñeiros presentan unha "xeometría moi particular, cunha copa moi ben definida", que fai posible a súa identificación. "Estamos falando de plantacións novas, de individuos relativamente pequenos, que non teñen vexetación de sotobosque, e nas que as árbores están separadas", engadiu a docente, que sinalou que o algoritmo desenvolvido para localizar plantacións en fincas particulares non serviría para identificar aos exemplares presentes nun souto.

Esta metodoloxía foi desenvolvida no marco dun proxecto realizado para a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta e posta a proba no municipio ourensán de Ríos, onde puideron comprobar que o sistema "ten unha precisión do 90%". Así o recolle o artigo que Armesto e a investigadora Laura Alonso publicaron na revista científica Remote Sensing xunto co docente e director da escola, Juan Picos, e o investigador Guillermo Bastos.