"Esta crise confirmou que a tele segue sendo unha das principais ventás ao mundo"

Un récord histórico de consumo televisivo deixou a primeira fin de semana do estado de alerta. O profesor Alberto Dafonte cre que o dato revela que para moita xente a tele convencional é o seu medio preferente para informarse
Alberto Dafonte, onte, na súa casa. MIRIAM VELO
photo_camera Alberto Dafonte, onte, na súa casa. MIRIAM VELO

Buenafuente decidiu pasar a facer o programa de humor que dirixe e presenta dende a súa casa. A falta de directos, os canais de deportes optaron por recuperar partidos clásicos. O público desapareceu de platós como o de Land Rober. O estado de alerta decretado a causa da expansión do coronavirus cambiou a televisión en España. E incrementou o seu consumo ata máximos históricos. O profesor de Comunicación Televisiva na Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra, Alberto Dafonte, cre que o momento revela o importante calado que segue tendo a televisión convencional.

Segundo GECA, empresa que analiza as audiencias televisivas en España, o domingo 15 de marzo consumíronse un promedio de 414 minutos de televisión cunha audiencia media de 10 millóns de persoas. Era de agardar que sucedese algo así ao decretarse o confinamento?
A realidade é que nunha situación así a xente busca información dende calquera medio posible. Incluso sobreinformación. E a televisión é o que está máis a man. Nalgúns círculos temos moi asumido que todos temos canles dixitais, Netflix, etc., e que facemos un seguimento on-line dos acontecementos, pero non é así nin moito menos. A realidade é que a televisión segue sendo un medio hiperaccesible e de balde. Esta crise confirmou que para moitísima xente é unha das principais ventás ao mundo.

Sen embargo, despois dese pico da primeira fin de semana, o consumo baixou ata os 300 e algo minutos.
Baixou, pero o consumo segue sendo enorme. A media dos últimos anos oscilaba arredor dos 220 minutos. Outra cousa interesante é fixarse na franxa de idade. O consumo de televisión entre persoas maiores de 65 anos é unha absoluta burrada. Igual falamos de 7 horas ao día. Xa era así antes, imaxino que agora será moito máis. Estas persoas moitas veces viven soas e non teñen nin conexión a internet nin as habilidades necesarias para manexarse na rede. A televisión é a súa principal vía de ocio e mesmo de compaña. Onde houbo un aumento espectacular de consumo foi nas franxas de idade máis novas, que non vían tanta tele como estes días. E aínda unha cousa máis, nestes datos espectaculares ten moito que ver que os nenos estean agora pechados nas casas. O recurso da televisión é probablemente un dos máis utilizados nas familias para entretelos mentres se teletraballa ou se fan outras cousas. Neste sentido hai que dicir que a aposta que está ofrecendo Clan, da televisión pública, por contidos educativos, mesmo non sendo todos óptimos, é de agradecer.

En relación co que menciona de Clan, a televisión pública en xeral comportouse como se agarda nun momento coma este?
Recuperou un pouco esa función que se lle presupón de servizo público. Máis alá da calidade dos seus informativos, está esa proposta educativa de Clan, un ciclo de teatro familiar que comezaron a emitir e incluso trataron de facer algo de info-entretemento sobre a corentena.

"Á TVE haille que valorar o esforzo por ofrecer servizo público e o interese por manterse conectada coa realidade máis alá dos informativos"

Precisamente se estreaba esta semana Diarios de la cuarentena, unha sitcom de Álvaro Fernández Armero e David Marqués, rodeada dunha certa polémica relacionada con facer humor arredor dun momento dramático. Sen embargo foi un dos poucos produtos que naceron relacionados directamente con esta etapa.
Exacto. Despois poderache gustar ou non gustar, pero penso que cando menos se debe valorar ese interese por estar conectado coa realidade inmediata da sociedade. Non é necesario que só os informativos estean apegados ao que sucede e que todo o demais permaneza alleo e inmutable. Dende logo sería moito máis sinxelo tirar de reposicións ou facer algo por Skype e punto.

Fala do Skype como ferramenta televisiva. Eses produtos fillos deste momento como o programa de Buenafuente dende a casa pasarán de ser unha anécdota? Teñen interese para quen estude a televisión como medio?
Hai varios programas que están tirando dese recurso de tratar de facelo 'dende a casa' con resultados irregulares. Non están achegando nada ou case nada. Con excepcións. Por exemplo: Lo de Évole soubo adaptarse realmente ben. Vale que non é un programa diario, pero está moi ben resolto, con temas pertinentes... Despois, hai outros formatos que simplemente decidiron tirar para adiante cunha produción precaria. Esa é a palabra: precariedade. É interesante observar o fenómeno en si, sobre todo, para decatarse do importantísimo papel de profesionais como os de maquillaxe ou iluminación.

En xeral, a televisión estivo á altura do momento? A audiencia dende logo deulle todo o seu apoio de maneira incondicional.
Iso é verdade. Porque a televisión segue sendo un medio de información preferente para un número moi elevado da poboación. Non teño a menor dúbida. Outra cousa é a credibilidade. En xeral, eu diría que este momento reproduciu os mesmos erros que a televisión vén repetindo dende hai tempo. É un medio que peca de poñer en pé de igualdade opinións sustentadas en evidencias científicas e opinións dun tertuliano que tanto che fala disto como de calquera cousa. En moitos casos, limítanse a estirar o chicle, a encher horas de programación con xente especulando, un recurso, por outra parte, moi barato e rendible.

Outra cousa será ver que pegada deixa o coronavirus na televisión?
Nos grandes grupos, Mediaset e Atresmedia, pouca. Están perdendo importantes ingresos publicitarios, pero teñen un volume de beneficios enorme. Outra cousa é que non queiran reducilos. Pero hai que pensar que as teles españolas son das máis rendibles de Europa. Onde se vai notar moitísimo é nas pequenas e medianas produtoras. O sector vai quedar aí moi tocado.

Comentarios