A concellaría de Patrimonio Histórico dirixida polo edil Xaquín Moreda confirmou a finalización da montaxe e recolocación do cruceiro de Meuterrón, situado na parroquia de Verducido, ao carón do número 31. Este proceso tivo lugar ao longo da xornada do pasado venres, 10 de febreiro.
Esta peza patrimonial sufrira danos importantes logo de golpear un vehículo a súa base, propiciando a caída do mesmo e escachando partes significativas da súa parte superior, como son a cruz e o capitel. A veciñanza, que custiodou as pezas, permitiu a realización dun proceso de restauración e arranxo que rematou coa volta do cruceiro ao mesmo punto.
O edil Xaquín Moreda explica que a concellería de Patrimonio histórico continuará co seu labor de salvagardar e restaurar este tipo de pezas "tan representativas da historia e paisaxe galego". Cómpre indicar que tamén será modificada a sinalización horizontal do lugar co fin de reconducir o tránsito de vehículos e así minorar un eventual novo impacto.
A restauración derivou en varios procesos, como foi a adhesión das pezas rotas cunha resina epoxi, ademais do amarre final con pernos de poliéster e una reintegración con mortero a base de cal. Por outro lado, realizouse unha limpeza mecánica manual do cruceiro, non excesivamente intensiva, para deste xeito manter a capa natural embelecedora do monumento, como son os líquenes que habitan na súa pedra e que teñen tamén unha función de protección.
A peza podería ser do século XIX e incluso dunha época anterior segundo as estimacións dos técnicos que realizaron a restauración. Un lado da cruz mostra unha imaxe de Cristo crucificado, mentres que a outra ten á Virxe da Soledade. Os traballos adicados á restaurar o cruceiro foron realizados pola empresa pontevedresa BIC Materiales y Conservación.
O proceso de restauración, impulsado polo departamento municipal de Patrimonio Histórico, avanzou a bo ritmo e isto permitiu que Verducido volva a lucir desde o sábado este patrimonio.