Cruz Vermella e Acolle xestionan as necesidades de 28 refuxiados afganos

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra recibiu a representantes das organizacións que colaboran ►Maica Larriba asegou que "a situación destas familias xa está normalizada"
Un instante del encuentro celebrado este lunes en la Subdelegación. DAVID FREIRE
photo_camera Un instante del encuentro celebrado este lunes en la Subdelegación. DAVID FREIRE
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, recibiu este luns a representantes das dúas organizacións que na provincia de Pontevedra colaboran na acollida de refuxiados afganos no marco da operación Antígona posta en marcha polo Ministerio de Inclusión Social e Migracións. Trátase da ONG Cruz Vermella e da Asociación Diversidades Acolle. Entre ambos colectivos prestan acompañamento e asistencia a 28 persoas chegadas de Afganistán. Concretamente, Cruz Vermella estase a facer cargo de 15 persoas pertencentes a catro unidades familiares e Diversidades de dúas familias que suman 13 membros. Na reunión tamén participaron a comisaria de Pontevedra, Estíbaliz Palma, e axentes da Brigada de Estranxeiría.

O encontro serviu para analizar a situación dos refuxiados nos dous centros de acollida, así como para estudar posibles necesidades a cubrir de cara o futuro co fin de que estas persoas poidan refacer as súas vidas canto antes. Larriba indicou que "a situación das familias está normalizada" e que toda a operación se desenvolveu sen contratempos e conforme ao previsto. Ao mesmo tempo, explicou que os procesos administrativos relacionados co empadroamento ou cos permisos de residencia das persoas desprazadas están finalizados ou en fase de finalización.

A Subdelegación permanece "a enteira disposición das organizacións", ás que lles ofreceu "máxima colaboración e diálogo permanente" co fin de acadar unha pronta e efectiva integración social, cultural e laboral das familias chegadas Afganistán. Así, fixo un balance "moi positivo" do traballo desenvolvido por parte das entidades ás que lles agradeceu "o compromiso e o esforzo realizado ao longo das últimas semanas ante esta situación". "Tanto a Cruz Vermella como Diversidades Acolle", sinalou, "son organizacións cunha dilatada traxectoria en programas de protección que afrontaron con solvencia a resposta a primeiras necesidades como a alimentación e a atención sanitaria e que agora xa avanzan na integración dos solicitantes de asilo".

Comentarios