A cuarta xornada de limpeza permite retirar 250 quilos de lixo do río Gafos

Vaipolorío contou coa colaboración da Asociación de Veciños San José de Campolongo e a cita rematou cun xantar
Dous voluntarios sacan un tronco do cauce do Gafos
photo_camera Dous voluntarios sacan un tronco do cauce do Gafos

Arredor de 250 quilos de refugallos, dos cales 50 foron só de vidro. Ese foi o balance da cuarta xornada de limpeza realizada este domingo no Gafos polo colectivo Vaipolorío. Nesta ocasión, a entidade presidida por Gonzalo Sancho non estivo soa, senón que contou coa cooperación da Asociación de Veciños San José de Campolongo. Deste xeito, foron un total de 18 voluntarios os que se puxeron as botas de goma e as roupas de augas e baixaron ao río para retirar lixo e tamén restos de troncos que podían atrancar o curso fluvial debaixo das pontes. Entre os refugallos, atoparon incluso xoguetes e pedazos de persianas.

Os participantes nesta xornada reuníronse ás dez da mañá diante da estación de autobuses e desde alí partiron cara ao Gafos, onde estiveron traballando durante toda a mañá. Despois do esforzo, celebraron todos xuntos un xantar de confraternidade.

Entre os restos extraídos do cauce fluvial atópanse 50 quilos de vidro. A próxima cita de traballo será o vindeiro domingo 30

A xornada deste domingo enmárcase na campaña de 2017 para a limpeza do Gafos promovida por Vaipolorío, un colectivo que está a facer unha enorme labor polo coidado deste cauce fluvial pontevedrés e polo medio ambiente.

A terceira tivo lugar o pasado 16 de xullo e naquela ocasión a asociación ecoloxista contou coa participación dalgúns traballadores de Abanca e dos seus fillos, de maneira que reuniron a 28 voluntarios que sacaron do Gafos 350 quilos de refugallos.

O 10 de xullo fixeron a segunda e conseguiron sacar outros 200 quilos de plásticos, restos de roupa, vidro e incluso unha peza de suspensión dun Seat 600 que debía levar varios anos sumerxida e semienterrada.

SEIS CONVOCATORIAS. En total, Vaipolorío planificou seis xornadas de traballo e a próxima terá lugar o vindeiro domingo, día 30. Coma sempre, as persoas que se queiran sumar a esta acción altruísta poderano facer.

Aínda que este mes está a haber citas todas as fins de semana, a asociación lembra que se trata dun traballo que hai que repetir periódicamente. Tal e como dixera Gonzalo Sancho nunha destas convocatorias de limpeza, "imaxínase se o centro de Pontevedra pasa unha semana sen limparse? Pois co Gafos ocorre o mesmo. Hai que limpalo porque sempre aparece lixo".

Ademais da retirada de refugallos, o colectivo leva moitos anos coidando o río: denunciando verquidos e sacando entullos para evitar desbordamentos cos temporais do inverno.

Comentarios