Cultura cambia o programa do Pazo e deixa no aire a ubicación de 'A Procura do tesouro'

A edil Carmen Fouces reunirase esta semana con Pavís Pavós e Migallas Teatro para concretar o futuro dos talleres que acollía o recinto
Obra de teatro dos participantes en A procura do tesouro. RAFA FARIÑA
photo_camera Obra de teatro dos participantes en A procura do tesouro. RAFA FARIÑA

O Concello de Pontevedra proxecta modificar o programa de actividades que ata o de agora se celebraban no Pazo da Cultura. Fontes municipais aseguraron que a concelleira responsable de Cultura, Carmen Fouces, se reunirá esta semana cos colectivos Pavís Pavós e Migallas Teatro, encargados dos obradoiros A hora do conto e A procura do tesouro, respectivamente, para concretar o futuro destas actividades que ata a irrupción da pandemia se levaban a cabo durante o curso escolar nas instalaciós do Pazo da Cultura e contaban con centos de nenos e nenas cada ano.

Así, segundo as mesmas fontes, logo do cambio de xestión do Pazo, que hai dous anos deixou de ser un organismo autónomo, o Concello prevé reorganizar a estrutura da programación cultural, de xeito que algunhas das actividades que xa se realizaban se verán reforzadas, outras sufrirán modificacións e algunhas caerán da programación cultural do Pazo.

3.000 nenos. Xa a semana pasada, a agrupación Migallas Teatro, que desde hai 22 anos imparte o obradoiro A Procura do tesouro en Pontevedra, iniciou unha campaña para impulsar o reinicio dunha actividade pola que levan pasado máis de 3.000 nenos e nenas da Boa Vila, unha vez botaron a andar as Escolas deportivas e o taller de música Rock Lab.

Esta formación comunicaba días atrás que se atopaban á espera de manter noticias da área de Cultura, cita solicitada en varias ocasións por rexistro ante "a falta de noticias" desde o Concello e ante as preguntas de numerosas familias polo comenzo dos obradoiros.

O que si xa se lles comunicou, segundo destacaron desde Migallas, é que alomenos A procura do tesouro non se seguerá a celebrar nas instalacións do Pazo como ata agora.

Os responsables da compañía teatral consideran que este é o espazo idóneo para desenvolver estes talleres de expresión dramática, plástica e musical pola accesibilidade e aparcamento "para os familiares das nenas e nenos que proceden de fóra do núcleo urbano á hora de aparcar os seus vehículos", pero tamén, subliñaron, "pola amplitude do espazo para traballar en grupo, a posibilidade de visitar as exposicións que se realizan no Pazo e de manter contacto coas persoas artistas, así como o acceso ás actividades e exposicións do Salón do Libro e o Culturgal, entre outras".

Comentarios