'Cultura no Camiño' inclúe 32 actuacións en Pontevedra

A programación da Xunta comezou en xullo da man de Carlos Núñez e comprende espectáculos de música, teatro e novo circo
Detalle dun espectáculo. XUNTA
photo_camera Detalle dun espectáculo. XUNTA

O norte da provincia de Pontevedra acolle, ao longo de todo o verán, 32 espectáculos escénicos enmarcados no programa Cultura no Camiño, promovido pola Xunta en colaboración con diferentes concellos. Forman parte da iniciativa funcións en Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Vilaboa, Caldas de Reis, Portas, Cuntis, Moraña e Marín. "Nesta edición, o circuíto bate o seu récord de participación, con 164 entidades locais adheridas", explica a Xunta.

A programación na comarca de Pontevedra arrincou a mediados de xullo en Campo Lameiro, con concerto de Carlos Núñez. As dúas funcións restantes nesta localidade terán lugar en setembro coa narradora Marta Ortiz e a música de Galifunk. A finais de agosto comeza o cartel en Ponte Caldelas, co concerto de Samudra Trío. O concello pontecaldelán concentra o groso das sesións no mes de setembro, no que haberá música con A Banda do Verán, Magín Blanco e Mamá Cabra, teatro con Caxoto e maxia con O Mago Paco.

Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Vilaboa, Caldas, Portas, Cuntis, Moraña e Marín son os concellos que programan actividades

En Vilaboa ofreceranse catro propostas entre agosto e setembro, con teatro da man de Tanxarina e de Culturactiva, novo circo con Kote Malabar e maxia con Cayetano Lledó.

Por outra banda, Marín suma tres actuacións que xa se realizaron en xullo e a comezos de agosto coa maxia de Pedro Volta e a música de Manoele de Felisa e de Carlos Núñez.

CALDAS.  Na área de Caldas de Reis, Cultura no Camiño principiou en xullo en Cuntis co novo circo de A Vela Circo e a maxia do Mago Teto. Neste concello a programación continúa en agosto co teatro de Rilo & Penadique e o Desconcerto de Félix Rodríguez e Fran Rei, ademais do novo circo de Circo Chosco. En setembro será a quenda da música con Cé Orquestra Pantasma e do novo circo con Pedro Brandariz.

A Xunta adxudicou un millón de euros en subvencións ás entidades locais do circuito

Das tres propostas previstas en Moraña, dúas xa se desenvolveron en xullo, co concerto de Oca Band e o Desconcerto de Félix Rodríguez e Fran Rei. A finais de agosto será a terceira e última función da man de Migallas Teatro.

Pola súa banda, Caldas de Reis, que tamén arrincou no mes de xullo co teatro de Malasombra Producións, desenvolve tres actuacións ata mediados de agosto, cos concertos de Galifunk e de Talabarte. Finalmente, Portas, que xa ofreceu en xullo a maxia de Dani García, remata en setembro co Desconcerto de Félix Rodríguez e Fran Rei e a coa música de Ancestros.

O programa cofinancia a contratación de máis de 240 formacións artísticas, que realizarán arredor de 680 actuacións en todo o territorio galego

DESCENTRALIZACIÓN. Cultura no Camiño é unha iniciativa da Consellería de Cultura, co apoio de Gadis, que ten como obxectivo "contribuír á descentralización da oferta cultural e ampliar as posibilidades de distribución do teatro, a música, a danza, a maxia e o novo circo" no conxunto do territorio galego.

Segundo informou a Consellería de Cultura, para o desenvolvemento desta edición, a Xunta adxudicou un millón de euros en subvencións ás entidades locais que se sumaron ao circuíto, co que se cofinancia a contratación de máis de 240 formacións artísticas galegas no marco do Plan de reactivación cultural posto en marcha polo Goberno galego. Realizaranse arredor de 680 actuacións desde xullo a setembro por toda Galicia.

Comentarios