A cultura ponse a cuberto en Pontevedra

O Concello completa a súa programación para o outono cun concerto de Carlos Núñez, a exposición de Álex Vázquez e Amelia Palacios e unha montaxe da ópera 'Aida' na que participan a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e Esdemga
Concerto de Carlos Núñez durante o Culturgal do ano pasado no Pazo da Cultura de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Concerto de Carlos Núñez durante o Culturgal do ano pasado no Pazo da Cultura de Pontevedra. RAFA FARIÑA

Rematada a Feira Franca, a actividade cultural en Pontevedra ponse a cuberto. Anunciouno este venres a concelleira de Cultura da cidade, Carme Fouces, que avanzou algunhas das actividades coas que o Concello completa a súa oferta de cara ao outono: un concerto do gaiteiro Carlos Núñez, a exposición conxunta de pintura de Álex Vázquez e Amelia Palacios, a exposición de fotografía de Xacobe Meléndrez, un concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia e unha representación da ópera 'Aida' na que están involucradas a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e o Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda (Esdemga), que se imparte na Facultade de Belas Artes. "En total estamos a falar de 20 actos culturais de todo tipo a celebrar en 14 semanas", sinalou Fouces.

O 7 de outubro será cando se inaugure, no Pazo da Cultura, a nova edición do ciclo expositivo 'Na beira do río. Diálogos na pintura', que ten como comisario a Ramón Rozas. Os protagonistas deste ano serán os creadores pontevedreses Álex Vázquez e Amelia Palacios. "Por primeira vez vaise dar a circunstancia de que porán a dialogar a súa obra pai e filla", apuntou Fouces. Esta mostra complementarase, como habitualmente, con outra de fotografía, da que desta vez se encargará Xacobe Meléndrez.

XIRA

As novidades máis destacadas da programación cultural de Pontevedra son musicais. A Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá un concerto o 26 de outubro. Estará dirixida nesta ocasión por Vladimir Fedoséyev. O programa inclúe obras de Prokofiev e Shostakovich. No mes seguinte, o día 16, poderase ver unha montaxe da ópera 'Aida', de Verdi, protagonizada pola soprano mexicana Dolores Granados.

Esta posta en escena de PromÓpera, que contará cunha escenografía deseñada pola Esdemga e coa música en directo da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, estará de xira por Galicia. Poderase ver tamén en Santiago de Compostela e en Ourense.

Finalmente, o Concello volve traer a Carlos Núñez á cidade. O gaiteiro, que xa presentou na capital da provincia o seu novo espectáculo a finais do ano pasado dentro da feira Culturgal, volverá pisar o escenario do Pazo da Cultura o 21 de decembro.

'Ponteatro', 'Voices' e 'As Matinés'
Á parte de anunciar as incorporacións á programación outonal do Concello, Carme Fouces repasou algunhas das propostas xa anunciadas como os ciclos de teatro que quedan por desenvolverse, tanto no Principal como no Pazo da Cultura, e os concertos.

Dunha banda, o Principal acollerá, entre o 19 de outubro e o 22 de novembro, postas en escena de La Macana, Malasombra e Voadora, entre outras compañías, dentro do ciclo 'Ponteatro'. O Pazo da Cultura fará o propio cunha serie de representacións incluídas na última parte da súa temporada teatral e que comezaron onte con 'Viejo amigo Cicerón’, función protagonizada por Josep María Pou.

Doutra banda, no apartado musical, Revólver, a banda de Carlos Goñi, dará un concerto o 5 de outubro no Pazo da Cultura. Ese mesmo escenario tamén acollerá a que será a última actuación do ciclo 'Voices', a do irlandés Glen Hansard (gañador dun Oscar polo seu tema 'Falling Slowly'). Será o 1 de novembro. Outro ciclo que rematará nos próximos días é o de 'As Matinés do Principal’. Farao con McEnroe o 19 de outubro.

Comentarios