O Culturgal abre as súas portas

Este venres será o primeiro día de portas abertas dun festival que conxugará arte, cinema, literatura, música ou talleres infantís
O Culturgal iniciouse no día de onte coa xornada profesional de Promoción Escénica e Musical de Galicia. GONZALO GARCÍA
photo_camera O Culturgal iniciouse no día de onte coa xornada profesional de Promoción Escénica e Musical de Galicia. GONZALO GARCÍA

A nova edición do Culturgal xa está aquí. A xornada deste xoves, o encontro profesional de Promoción Escénica e Musical de Galicia, foi a encargada de marcar o inicio dun certame que este venres abre as súas portas para todos os públicos. O encontro deste xoves, restrinxido a profesionais con invitación, reuniu a máis de 20 responsables de programación de municipios, teatros e festivais de Galicia e do norte de Portugal con cincuenta representantes de compañías escénicas, grupos de música, empresas promotoras e distribuidoras das asociacións organizadoras. Contou, a súa vez, coa participación do director da Axencia Galega das Industriais Culturais, Jacobo Sutil.

A xornada, que comezou ás 9.45 horas, estendeuse ata as 18.30 e xirou en torno ás accións de networking, presentacións, coloquios e roldas de negocio enfocadas principalmente aos programadores dos espazos asociados á Rede Galega de Teatros e Auditorios. Ademais, o resto das programacións que acollen os escenarios representados nesta xornada laboral tamén tiveron o seu oco.

PROGRAMACIÓN. Na lista de literatura, onde abundarán coloquios e sinaturas nos expositores, figuran os recentes premios nacionais de narrativa e poesía moza, Marilar Aleixandre e Ismael Ramos, así como os galardoados cos Premios Xerais: María Solar (novela), Rocío Leira (Jules Verne de literatura xuvenil) e Anxo Iglesias (Merlín de literatura infantil). Tamén acudirán Juan Tallón, Berta Dávila, Carlos Callón, Bibiana Candia, Antía Otero, Pepe Cáccamo ou Fran P. Lorenzo, sen esquecer a Helena Villar Janeiro, que será homenaxeada o sábado polos seus 50 anos de poesía e compromiso.

No Espazo Arte, instalado na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura, tratarase de sorprender ao público coa peza Multiperspectivas# 2 de Paula Quintas, con dous pases na mañá do domingo. Ademais, haberá obradoiros creativos orientados á participación do público familiar, de libros de cartón, de collage, de autorretratos, de construción con materiais de refugallo ou, incluso, de cambio climático.

Culturgal inclué tamén unha morea de talleres infantís, de videoxogos, ou de propostas musicais como a de Maxín Blanco, o Quero cantar da Deputación da Coruña ou dúas propostas escénicas: Baobab Teatro representará no Auditorio O lobo e a lúa o sábado, mentres que o domingo será a quenda de Elefante Elegante con Cubo.

A programación de cine está chea de novidades, pois inclúe a exhibición do film de Ángeles Huerta O corpo aberto -coa presenza do protagonista, Tamar Novas-, de Valentina de Chelo Loureiro, Unicorn Wars, de Alberto Vázquez, Eles transportan a morte de Samuel L. Delgado e Helena Girón, A virxe roxa de Marcos Nine, Welcome toma maison de Andrés Goteira e O gran Camiño, de Alba Prol y Raúl García. O acceso a estas proxeccións, con capacidade limitada, está incluido na entrada xeral.

As únicas propostas nas que se precisa pasar pola billeteira (oito euros) son as das noites de venres e sábado. O 25 presentarase Credo, de Nova Galega de Danza, e A raíz de, de Daniel Rodríguez. O sábado haberá un "minifestival" con Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore, que amosarán a diversidade da música galega na sesión #CulturgalSon15.

Amais, o domingo ás 12.15 horas no posto da Deputación de Pontevedra, o Concello de Bueu presentará o seu proxecto Un mar de cultura, coa presenza do propio concelleiro de cultura de Bueu, Xosé Leal.

Comentarios