Culturgal baixou o pano en Pontevedra

A boa acollida do público e as sensacións dos profesionais corroboran a recuperación dun sector con máis de 6.900 empresas e casi 16.000 traballadores, que factura mil millóns de euros
Un momento do espectáculo infantil celebrado na mañá de onte no Culturgal. RAFA FARIÑA
photo_camera Un momento do espectáculo infantil celebrado na mañá de onte no Culturgal. RAFA FARIÑA

Culturgal baixou no mediodía de este domingo o pano da maior mostra cultural galega. Polo Recinto Feiral de Pontevedra pasaron miles de persoas nos últimos tres días que corroboraron o bo momento dun ramo económico que dá emprego na comunidade a preto de 16.000 persoas, cunha facturación lixeiramente por enriba dos mil millóns de euros e un total de 6.900 empresas rexistradas.

A mostra cumpriu 15 anos e tanto o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, como os e as profesionais certificaron o bo momento das industrias creativas galegas.

No Culturgal puidéronse ver as novidades editoriais, o último en audiovisual, novas propostas das artes escénicas, espectáculos de música ao vivo, servizos profesionais e outras iniciativas híbridas e vinculadas ao mundo da arte. A programación repasou a oferta contemporánea e representativa da acción cultural no país con avances, estreas e actualidade, así como un amplo punto de información e compra da produción cultural do ano.

Este ano estreouse ademais un novo deseño de programación co obxectivo de afondar na calidade das propostas, de implicar máis os públicos na actividade da Feira e de construír un evento máis cómodo e satisfactorio.

Onte, na derradeira xornada, presentouse o documental Tralos pasos de María Casares, de Sabela Hermida e Isabel Blanco, ademais de entregarse os galardóns da V edición do premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. Durante a mañá desenvoulveuse un recital de poetas gañadores e gañadoras de certames poéticos en Galicia.

Ademais, o público puido participar en obradoiros como O lar das palabras: un dicionario familiar ou Rapeando con Esther Fernández Carrodeguas.

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural presentou un Manual de boas prácticas na xestión cultural das artes visuais. E a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural organizou unha xornada sobre Arte e transformación social: a Educación Artística. Espectáculos de danza contemporánea completaron o programa do día.