Culturgal despídese cun balance de 14.500 visitantes e 200 propostas

A Feira das Industrias Culturais de Galicia incorpora con éxito o Espazo Gastro e asegura a permanencia dos autobuses de cara ao ano que vén ▶ A organización destaca o interese do público familiar pola programación do evento

Imaxe da Feira das Industrias Culturais de Galicia, no recinto feiral de Pontevedra. RAFA FARIÑA - Culturgal
photo_camera Imaxe da Feira das Industrias Culturais de Galicia, no recinto feiral de Pontevedra. RAFA FARIÑA

"Culturgal emprende a súa segunda década de andaina con éxito de público". A organización da Feira das Industrias Culturais de Galicia felicítase pola recepción que tivo entre a xente a nova etapa do evento e as novidades que foi incorporando. Segundo os seus datos, foron 14.500 persoas as que pasaron polo Recinto Feiral de Pontevedra dende o pasado venres (a mesma cifra que en 2014 e 2015 e apenas 500 persoas menos que nos dous últimos anos).

"A feira pecha cun balance moi positivo dos tres días tanto na cantidade de visitas como na calidade da programación proposta", indica Culturgal, que tamén destaca que ao máis dun cento de actividades da programación oficial se sumou practicamente outro tanto a conta dos expositores. "Entre actividades da feira e as actividades dos stands realizáronse case 200 propostas".

Datas para 2019: 29 e 30 de novembro e 1 de decembro
Culturgal 2019 xa ten datas. Pontevedra mantense como sede fixa da Feira das Industrias Culturais, que empraza a público e participantes a sumarse á que será a súa XII edición os días 29 e 30 de novembro e 1 de decembro. O Recinto Feiral e o Pazo da Cultura acollen de forma continuada dende 2010 este evento organizado pola asociación Culturgal (que agrupa a cinco colectivos profesionais: Asociación Galega de Editores, Escena Galega, Asociación Galega de Empresas Musicais, Eganet e Agapi). A feira naceu tamén na cidade (da man da Asociación Galega de Editoras) en 2007. En 2008, a Xunta do bipartito trasladouna á Coruña. En 2009 non se celebrou.


NOVIDADES, A feira tamén fixo un balance específico do que foron algunhas das súas novidades máis importantes, que acadaron resultados desiguais. Aínda así, confirma que todas son apostas a longo prazo que se manterán de cara ao ano que vén.

Por un lado, o novo Espazo Gastro, "que incluíu catro restaurantes diferentes abertos no mesmo horario da feira" e que funcionaron cun cartón prepago para abonar o gasto, "foi un grande éxito tanto no número de usuarios como na valoración da oferta de comida e de bebida". Por outro, a proposta de ofrecer autobuses dende Lugo, Ferrol, A Coruña, Ourense e Santiago de Compostela tivo unha acollida "tímida". "Aínda que este ano a recepción foi tímida e non se encheron os autobuses, desde a organización da feira temos claro que a proposta chegou para ficar", indica o director do evento, Xosé Aldea, en palabras facilitadas por Culturgal. "Unha feira para todo o país require iniciativas que redunden na idea e que faciliten a visita de todas as persoas que non residen en Pontevedra e contorna. De feito, a maior parte dos usuarios dos autobuses este ano non coñecían a feira, nunca estiveran nela".

Polo que se refire á oferta de actividades, Culturgal destaca o éxito de público que supuxo o concerto de Carlos Núñez no que era a presentación da xira A irmandade dos celtas. O auditorio do Pazo da Cultura encheuse para recibir ao gaiteiro no que era o espectáculo central desta edición da feira e o primeiro concerto do músico en dez anos en Pontevedra.

O evento tamén destacou o interese que demostrou o público familiar na programación, acudindo en gran cantidade tanto o sábado como o domingo, sobre todo, ás propostas dirixidas aos cativos. A xornada con máis visitas foi a do sábado 1 de decembro con 7.000 entradas.

Homenaxe a Manuel Moldes. "Exercía unha conexión da arte coa vida"

Un ano despois do seu falecemento, Manuel Moldes volveu ser homenaxeado no Culturgal. Ducias de persoas participaron nun acto no que se lembrou a figura do pintor pontevedrés coincidindo co seu cabodano. "Exercía unha conexión da arte coa vida", dixo a decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García, que foi unha das persoas que interveu na homenaxe. Tamén participaron amigos, familiares (a súa filla, Iria Rodríguez Moldes), exalumnos e colegas. O acto foi presentado pola concelleira de Cultura, Carme Fouces; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Entre os asistentes, ademais da viúva, May Díaz, estaba o director da Agadic, Jacobo Sutil.

Homenaxe a Manuel Moldes. CULTURGAL

Outro acto central da terceira e última xornada do Culturgal foi a entrega do Premio do Público da feira á Casa de Rosalía. Onte, ademais, houbo dous espectáculos infantís no Pazo da Cultura: o de Oviravai e o de Xoán Curiel e a Banda do Verán.

No apartado musical destacou o concerto de Vudú (o proxecto de Belém Tajes e Maritxinha) e no literario, a presenza de Antonio Sandoval e dos gañadores dos últimos Premios Xerais.