Culturgal continúa "medrando". A Feira das Industrias Culturais Galegas regresa do 1 ao 3 de decembro a Pontevedra coa súa décimo sexta edición, abrindo unha nova etapa na que se pretende reflectir a realidade plural do sistema e da oferta cultural desta comunidade autónoma.
O evento, que estrea a Camilo Franco como director, amplía tamén o seu territorio. Faino baixo a denominación Culturgal Expandido, que son as actividades que se realizarán fóra das datas oficiais da feira, os días 22 e 23 de novembro, na cidade de Vigo.
A presentación do encontro celebrouse esta mañá no Pazo da Cultura e nela participou o novo director, así como o presidente de Culturgal, Víctor López; a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias; o concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez; o director de Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil; e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González.
"Culturgal quere reflectir a pontencia, a enerxía e a súa capacidade de implicarse na sociedade, a vida que se percibe a través das distintas culturas galegas. Porque hai moitas culturas dentro da cultura galega e cada unha delas satisface a partes distintas da sociedade", afirmou o director.
Camilo Franco asegurou que nos vindeiros anos, esta feira buscará "non ser tanto unha revisión do ano que está rematando senón ser un adianto do que vai pasar o ano seguinte" no sector cultural galego. De tal forma, engadiu, "que os artistas e escritores vexan que ese é o momento de anunciar o que van facer o ano que vén, e que o público vexa canto de bo vai a haber o ano seguinte".
Programación
A feira referente da cultura galega inclúe este ano na súa programación máis de 100 actividades, ademais das que se realizarán nos diferentes stands. Ademais, contará cun total de 90 expositores e 5 escenarios distintos: Literatura, Música, Escénicas, Infantil e Arte. Haberá tamén unha área de videoxogos.
E aínda que hai cinco espazos diferenciados por xénero, o director do evento insistiu hoxe en que "a idea é ir borrando a fronteira que hai entre os xéneros e empecemos a traballar na mestura de xéneros".
Na parte literaria, na cidade do Lérez daranse cita autores galegos como Diego Ameixeiras, Suso de Toro, María Reimóndez, Pedro Feijoo, Xesús Fraga, Elba Pedrosa, Silvia Penas, Rocío Vieites Ferro, Martín Romero, María Villamarín ou Leticia Barbadilla. Ademais, a poesía terá un gran peso nesta edición e haberá un recital de autoras como Helena de Carlos, Yolanda Castaño, María Lado e Oriana Méndez.
No eido musical, o prato forte de Culturgal será o concerto despedida de Leilía, pero tamén haberá actuacións de Ailá, da banda Minguante ou da Orquestra Galega de Liberación. Ademais, Iria Piñeiro e Mónica de Nut presentarán o seu novo espectáculo poético musical.
A banda deseñada é outra das fortes apostas desta edición, xa que o ciclo Ilustrando reunirá a unha ampla representación do cómic e da ilustración galega.
No apartado cinéfilo, por Culturgal pasarán filmes por estrear como Honeymoon, así como outras películas galegas moi relevantes neste 2023 como O Corno ou Matria. A maiores, proxectaranse os avances de seis producións galegas que chegarán á pantalla na vindeira temporada: Patarinos (Sétima), As Neves (cósmica Producións), Da tua man para a miña (Miramemira), Aurora (Gaita Filmes), La Parra (Filmika Galaika) e Cine Paraíso, Leiro (Noveolas Producciones).
Esta feira tamén acollerá o avance de actividades escénicas coas que o Centro Dramático Galego celebrará o seu 40º aniversario, así como a presentación das obras Desexo e Via Morta.
No espazo arte haberá unha exposición de obras de 12 galerías distintas de Galicia.
Infantil
A Feira de Industrias Culturais Galegas continúa sendo este ano un referente para no eido familiar, por iso durante todas as xornadas haberá obradoiros, teatro, cinema, animación e lecturas dramatizadas destinadas para o público infantil. Pérez, o ratiño dos teus sonos, visitará o Pazo da Cultura e haberá tamén contacontos que incluirán, por exemplo, ilustración en directo, con Olalla González, ou música, con A Fraga de Pasacorrendo.
Como é habitual nesta feira, nesta edición tamén haberá un espazo de coidado para as crianzas.
Conversas no ascensor
A escritora María Lado protagonizará unha das actividades máis curiosas desta edición. Co obxectivo de darlle uso a todos os rincóns do Pazo da Cultura, a organización puxo en marcha as conversas no ascensor.
Unha peculiar performance na que, todo aquel que se achegue ata o ascensor do Pazo, poderá charlar uns minutos con Lado. "De aí sairá literatura pero tamén un estudo sociolóxico", afirmó Camilo Franco.
Dentro destes formatos mestizos, Paula Carballeira tamén estreará en Culturgal o seu podcast: 13 avisos. Historias para escoitar á noite. A actividade contará coa participación de Xosé Barato ou Ledicia Costas.
Entradas e horarios: Os prezos baixan un 25%
O Pazo da Cultura abrirá en horario de 11.30 a 21.00 horas, tanto o venres día 1 de decembro como o sábado. No caso do domingo día 3, o día de clausura, as actividades rematarán ás 20.00 horas.
En canto aos prezos, a feira este ano custa de maneira xenérica un 25% menos, pois a entrada simple pasa de 4 a 3 euros. Como consecuencia, os bonos tamén baixan nunha proporción similar.
Este descenso responde á vontade de Culturgal de favorecer a asistencia e participación de todos os públicos.
As entradas co concerto de Leilía teñen un prezo de 16 euros en liña e 19 na billeteira do Pazo.
Os de nenos de menos de 4 anos entran gratis a todos os eventos.
Os tickets poden mercarse xa a través da web cultur.gal.