Culturgal saca músculo

A Feira das Industrias Culturais inicia este venres unha fin de semana maratoniana con máis dun cento de actividades
Cándido Pazó protagoniza 'Dá de contar a quen pasa'
photo_camera Cándido Pazó protagoniza 'Dá de contar a quen pasa'

Comeza Culturgal 2015. Este venres abre en Pontevedra a oitava edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia, que desenvolverá ata o domingo, 6 de decembro, unha programación de máis dun cento de actividades. O evento, que este ano ten como lema Presume de Culturgal, esgotou desta vez o espazo expositivo dispoñible no Recinto Feiral, con máis de 80 empresas, colectivos e institucións con postos de exposición e venda de propostas.

Culturgal, pola que o ano pasado pasaron preto de 15.000 persoas, segundo datos da organización, consolida a fórmula de entrada de pago. Para o presidente da asociación que organiza o evento, Manuel Bragado, é fundamental involucrar ao público de xeito directo no mantemento da feira, como tamén o é facelo coa empresa privada. A entrada custará 2 euros para as persoas adultas e 1 euro para menores de 12 anos. Os menores de 3 anos non pagarán.

Cun orzamento de máis de 130.000 euros, o evento segue dependendo en gran medida do financiamento público. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), organismo da Xunta de Galicia, achégalle 50.000 euros e o Concello de Pontevedra, algo máis de 30.000. Este ano incorporouse tamén como patrocinador a Deputación Provincial, que pon 8.000 euros.

Unha novidade de 2015 é que a organización do evento e o Concello conseguiron involucrar aos negocios da cidade no desenvolvemento do Culturgal. Así, o público e os participantes contarán con descontos en máis de 30 establecementos hosteleiros de Pontevedra.

SEIS PROGRAMACIÓNS. Música, teatro, arte contemporánea, literatura, espectáculos infantís, cine e actividades dirixidas especificamente a profesionais divídense nas seis programacións da feira (libro, música, espazo foro, infantil, audiovisual e profesional). Máis dun cento de propostas terán lugar dende este venres ata o domingo nunha fin de semana maratoniana que traerá á capital da provincia a algúns dos autores máis relevantes da cultura galega contemporánea, entre eles Manuel Rivas, Ledicia Costas, Fran P. Lorenzo, Diego Ameixeiras, Gonzalo Hermo, Xurxo Souto, Iria Pinheiro, César Portela, Francisco Leiro, Caxade, Mercedes Peón e Marcos Nine.

Do conxunto de actividades destacan tres: a homenaxe deste sábado a Neira Vilas (12.45 horas); o espectáculo de Cándido Pazó, Celso Sanmartín, María Lado e Lucía Aldao (sábado, 21.30 horas, ataquilla.com) e o espectáculo na honra de Manuel María ‘Canta o cuco’ (domingo, 12.00 horas, a taquilla.com)