Culturgal tómalle o pulso á cultura galega

A XII Feira das Industrias Culturais de Galicia, que conta con máis dun cento de stands e cunha programación que supera as 120 actividades, estrea novo deseño e aposta polas novas tecnoloxías ata este sábado no Recinto Feiral de Pontevedra

Cun novo deseño do espazo destinado aos expositores; cunha importante aposta polas novas tecnoloxías, que inclúe atención específica aos videoxogos e ao traballo que se está a facer en Galicia con 3D e realidade aumentada; con interese en que o evento se converta nunha referencia en canto a accesibilidade e cunha oferta programática que supera as 120 actividades quedou inaugurado este venres, no Recinto Feiral de Pontevedra, a XII Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal. Máis de 80 stands de diferentes empresas, creadores e colectivos participan este ano nun evento que se prolongará ata mañá (horario: hoxe, de 11.00 a 21.00 e mañá de 11.00 a 20.00 horas) e que inclúe presentacións literarias, proxeccións audiovisuais, espectáculos para a cativada, concertos e unha chea de propostas do sector cultural galego (entrada: 3 euros para adultos; 2 euros para menores de 14 anos; de balde para menores de 2 anos).

"Este é un dos maiores eventos culturais de Galicia, unha das mellores oportunidades que hai para tomarlle o pulso á nosa creación", sinalou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, durante a inauguración do evento. "Estamos moi orgullosos da importancia dun sector que consolidou 35.000 empregos en Galicia e que medrou ata un 11% nos últimos anos".

O conselleiro, que estivo acompañado durante o percorrido inaugural da Culturgal polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín Carrera, referiuse á feira como "o noso máis importante escaparate da creación e das propostas artísticas", pero tamén "como punto de encontro para os profesionais e unha opción de lecer". "Culturgal é hoxe xa unha cita imprescindible que integra a maior parte dos profesionais da cultura galega", indicou Román Rodríguez.

Henrique Alvarellos, vicepresidente de Culturgal: "A Cultura é o gran valor engadido das nosas vidas. Queremos perfís creativos ó carón dos perfís tecnolóxicos"

"Sen dúbida estamos ante un evento que interesa, que mostra o presente e deseña o futuro e que, aínda que foi deseñado para os profesionais do sector, está aberto a todos os públicos", sinalou o conselleiro ao tempo que lembraba que o ano pasado pasaran 15.000 persoas pola feira.

Rodríguez destacou que a Xunta é o principal patrocinador de Culturgal (achega 65.000 euros dos 170.000 que custa a feira). A institución conta cun espazo propio no que desenvolve distintas actividades e no que este ano terá un protagonismo especial o Xacobeo 21.

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura: "Este é un dos maiores eventos culturais de Galicia e o noso máis importante escaparate de creación"

"Gustaríame lembrar, ademais, que isto é unha feira. E a unha feira non só se vén a pasear, vénse a mercar", dixo o conselleiro para rematar. "Que se vendan os produtos, que sexan rendibles, é a única maneira de que esta industria sexa libre".

OSÍXENO. Destacou tamén o aspecto mercantil da feira o vicepresidente da asociación Culturgal (o organismo que organiza esta actividade e que agrupa aos colectivos profesionais Escena Galega, Asociación Galega de Editoras, Asociación Galega de Empresas Musicais, Agapi e Eganet), Henrique Alvarellos. "Esta é unha feira que nos permite mostrar as nosas novidades e comercializalas. A venda é osíxeno. Mercade cultura galega", dixo Alvarellos antes de agradecerlle ás máis de cen empresas e creadores que participan a súa involucración. "Son quen cimenta esta feira dende o seu inicio".

O valor da cultura dentro do novo mercado laboral foi reivindicado por Alvarellos que defendeu que "a cultura é o gran valor engadido das nosas vidas". "Queremos perfís creativos ao carón dos tecnolóxicos. Así que gozade de Culturgal e deixade que a cultura penetre nas vosas vidas dende Galicia e en galego".

Carmen Fouces, concelleira de Cultura: "Pontevedra volve converterse na capital da cultura galega e non é por casualidade. A nosa cultura é o que fai país"

Ademais do conselleiro e Alvarellos, tamén participaron na inauguración de Culturgal a concelleira de Cultura, Carme Fouces, e a deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso. A primeira lembrou que Pontevedra acollera esta feira durante 11 das súas 12 edicións. "Pontevedra volve converterse na capital da cultura galega e non é por casualidade. A nosa cultura é o que fai país. Acoller o único evento destas características en Galicia non é só cuestión de contar cun espazo, se non que forma parte dunha aposta pola cultura propia". A concelleira enmarcou o Culturgal na programación cultural de Pontevedra e no devir da cidade con apostas de futuro como a especialización do campus universitario, denominado Campus Crea. "No ceste venresxto globalizado, o noso futuro vai ir ligado á nosa capacidade para apoiar a cultura creativa. Aquí conviven nun mesmo espazo a riqueza e a diversidade cultural do noso país. Este é un sector económico complexo que obriga a unha constante innovación", sinalou, ao tempo que destacaba o peso económico da cultura no país.

A deputada provincial de Cultura, pola súa banda, lembrou que a Deputación acudía a Culturgal cun stand propio, que o organismo provincial puxo á disposición dos concellos. Usarano 40 deles. "Estamos a vivir agora mesmo unha auténtica revolución cultural, que está liderada por mulleres", rematou Alonso.

Victoria Alonso, deputada de Cultura: "Estamos a vivir agora mesmo unha auténtica revolución cultural e está liderada por mulleres"

VIDEOXOGOS. Tras a inauguración por parte das autoridades, Culturgal iniciou a súa primeira xornada, marcada, como é habitual, polas propostas dirixidas aos profesionais do sector. Entre outras cousas celebráronse as Xornadas Profesionais de Escena Galega, a Asemblea da Asociación Galega de Empresas Musicais, a Asemblea da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e a I Xornada do Videoxogo.

De cara ao público en xeral, destacaba a presenza xa ao mediodía da escritora Ledicia Costas, que mantivo un encontro con escolares para falar do libro Conexión Macarrón. Pola tarde houbo concertos de Canto D'aquí, Bouba Pandereteiras e Nastasia Zürcher; presentación da colección Avis Rara, por parte de Marcus Daniel Cabada, da editorial Urutau; espectáculo para a rapazada a cargo da compañía Barafunda, Un mar de burbullas; contacontos de Triqueta Verde, O neno peixe; conversa sobre cómic galego entre o creador Kiko da Silva e o editor Fran Alonso; presentación dos últimos títulos da colección Feminismos, de Galaxia; e performances no Espazo Arte a cargo de Uxía Morán (A última cea) e Fran Remiseiro (Performance machado).

*Información completa de culturgal, programación e horarios: culturgal.com
 

E este sábado Espectáculo de Marful no Pazo da Cultura
A xornada central da Culturgal está marcada pola celebración do seu espectáculo central, que este ano corre a cargo de Marful. A axenda da xornada inclúe ademais, entre outras cousas, propostas literarias, audiovisuais, musicais e infantís de diferente tipo. 

12.00: María do Cebreiro presenta o poemario Herba de namorar (Galaxia). ESPAZO LIBRO.
12.30: Ángel Paz presenta o seu disco Rostros invisibles, inspirado do libro Invisibles, da xornalista Montse Fajardo. CARPA.
13.30: Encontro arredor da nova película do director Ignacio Vilar, María Solinha. Participará parte do elenco: Grial Montes, Laura Míguez e Mabel Ribera. ESPAZO FORO.
17.00: Presentación de Púrpura, nova colección de Hércules de Ediciones que traduce ao galego clásicos da literatura feminista como Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit. ESPAZO LIBRO.
18.00: Conversa de El Hematocrítico (Rapunzel con piollos) e de Ledicia Costas (Conexión Macarrón) sobre o humor na literatura infantil. ESPAZO LIBRO.
18.30: Amigos/as da Casa de Rosalía. Presentación do proxecto da Casa de Rosalía que procura apadriñamento de cidadáns, empresas e entidades. Con Anxo Angueira e O Leo Arremecághona. ESPAZO FORO.
18.30: Concerto de Tanxugueiras, que presentan o seu segundo traballo, Contrapunto. CARPA.
19.00: Preestrea da longametraxe Eroski Paraíso, dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron a partir da obra de teatro de Chévere. Asisten Xesús Ron e os actores Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira. SALÓN DE ACTOS.
19.15: Conversa arredor da novela ecofeminista Be water, de Antía Yáñez, que serve como presentación da nova editora Cuarto de inverno. ESPAZO LIBRO.
19.30: Miguelanxo Prado presenta Amani, que publica Retranca Editora. ESPAZO FORO.
20.30: Conversa entre Gonzalo Hermo e Berta Dávila arredor dos seus últimos títulos. ESPAZO LIBRO.
20.30: Concerto de Dios Ke Te Crew. CARPA.
21.30: Concerto de Marful. Coa colaboración especial de Sabela (OT). Venda de entradas: ataquilla.com (entre 8,80 e 18,70 euros).
 

Comentarios